Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Celta Fortuna imponse no Espiñedo (1-2)

O Celta Fortuna imponse no Espiñedo (1-2)

Jordi Escobar e Hugo González marcaron os goles celestes e Martín Solar acurtou diferenzas para os locais

Con esta vitoria, os vigueses conseguen alongarse dos postos de descenso

G24.gal 30/03/2025 21:27 Última actualización 30/03/2025 21:46

O Celta Fortuna acadou unha importante vitoria contra o Arenteiro que lle permite alongarse dos postos de descenso á 2.ª Federación. Os locais comezarían mellor no encontro, levando o peso do xogo e gozando de boas ocasións de Simão e Marcos Baselga para abrir o marcador. Con todo, serían os vigueses os que se poñerían por diante grazas a unha boa xogada colectiva culminada cun centro de Tincho Conde e cun remate na área pequena de Jordi Escobar que bicou o pau antes de entrar na portería defendida por Diego García. A primeira parte remataría sen ocasións claras pero co Celta Fortuna sendo superior ao Arenteiro.

Na segunda metade, os vigueses non puideron ter un mellor comezo. Unha gran xogada individual de Hugo González, que chegaría á área ourensá conducindo o balón dende o centro do campo, remataría co balón na rede despois dun despexe da defensa que bateu no corpo do propio extremo celeste. Deste xeito, o Celta Fortuna poñía terra de por medio e colocaba o 0-2 no marcador. Porén, Martín Solar acurtaría diferenzas para o Arenteiro cun gran remate de cabeza ante o que nada puido facer Coke Carrillo. Cos locais debruzados no ataque, Diego García viuse obrigado a agarrar da camiseta a un Angelito que podía marcar a porta baleira e viu a tarxeta vermella no minuto 97. Co 1-2 final, o Arenteiro alóngase dos postos de play-off e o Celta Fortuna dos de descenso.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade