Terceira vitoria consecutiva para un COB que segue mirando cara arriba
Terceira vitoria consecutiva para un COB que segue mirando cara arriba
Gañou na pista do Valladolid por 87-91
O Obradoiro perdeu diante dun Alacante que só sumara dúas vitorias ata esta xornada (90-85)
O Aicargobooking Ourense gañou na pista do UEMC Valladolid (87-91) e sumou a terceira vitoria consecutiva, a décima dunha temporada na que os de Moncho López seguen a mirar cara as prazas de ascenso. A igualdade presidiu un partido no que o aleiro Moody estivo brillante no primeiro tempo con 21 puntos (50-48 ao descanso).
No terceiro cuarto o Valladolid chegou a ter unha vantaxe de sete puntos (64-57) ameazando con rachar o partido pero os ourensáns conseguiron agarrarse ao encontro e chegaron ao treito final con opcións. Un parcial de 5-0 poñía os locais por diante (87-86) pero unha gran canastra con adicional de Diego Brito a 27 segundos do final serviu para coller unha renda que non perderían.
O que continúa en crise é o Obradoiro que perdeu por cuarta xornada consecutiva diante dun Alacante que só sumara dúas vitorias en catorce xornadas. O partido comezou moi ben para os intereses galegos (17-30) pero igualouse antes do descanso. No segundo tempo encamiñouse a un cara ou cruz que caeu do lado dos locais (90-85) grazas ao seu acerto na tripla no último minuto con tres lanzamentos anotados.