Localizan a pistola coa que dispararon contra un home de 27 anos en Ribeira
A vítima do disparo continúa ingresada no Hospital Clínico de Santiago, pero xa deixou a unidade de críticos
Tres persoas foron detidas en Tui en relación con este suceso

Un equipo de mergulladores da Policía Nacional localizou e recuperou do fondo do porto de Ribeira a arma supostamente empregada na agresión cometida contra un home de 27 anos o pasado domingo na localidade do Barbanza.
Segundo confirmaron fontes da Policía Nacional, a pistola foi atopada minutos antes das 13:00 horas deste martes, xornada na que se retomaron os traballos de busca que se iniciaron e concluíron sen éxito durante a mañá do luns.
A arma foi supostamente empregada na agresión contra o home, que tamén recibiu varias puñaladas, feridas das que se recupera no Hospital Clínico de Santiago.
Por estes feitos foron detidas tres persoas en Tui que pasarán a disposición xudicial á primeira hora do mércores no xulgado de instrución número tres da localidade do Barbanza, como informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) este martes.
Segundo fontes consultadas por Europa Press, dous dos detidos están a ser investigados por tentativa de homicidio e o terceiro, por encubrimento.
A vítima continúa ingresada no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), aínda que xa abandonou a unidade de críticos e foi trasladado a planta, segundo informaron fontes sanitarias.
A agresión ocorreu pasadas as 3:00 horas deste domingo na rúa Diego Delicado. O 112 Galicia recibiu a chamada dun particular que alertaba dun disparo.
A central de emerxencias deu aviso á Policía Nacional, á Policía Local e aos servizos sanitarios. Así, o Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 enviou ao lugar do suceso unha ambulancia asistencial de soporte vital básico e a persoal sanitario da PAC de Ribeira.
O ferido foi trasladado ao Hospital do Barbanza e posteriormente derivado ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela en estado grave.