Publicador de contidos
Publicador de contidos

Londres confirma que cambiará o acordo do Brexit sobre Irlanda do Norte

Londres confirma que cambiará o acordo do Brexit sobre Irlanda do Norte

O protocolo para Irlanda do Norte establece controis sobre as mercancías que entran procedentes da Gran Bretaña

A CE responderá con medidas se se anula o protocolo para Irlanda do Norte

G24.gal 17/05/2022 16:38

O Goberno do Reino Unido anunciou este martes que tramitará "nas próximas semanas" un proxecto de lei que lle permitirá anular aspectos do Protocolo para Irlanda do Norte acordado como parte do Brexit, pero ao mesmo tempo seguirá negociando para reformalo coa Unión Europea.

A ministra de Exteriores e negociadora xefa británica Lix Truss fixo o anuncio na Cámara dos Comúns, onde mantivo que a aplicación actual do protocolo pon "baixo presión" o acordo de paz do Venres Santo de 1998, que acabou con décadas de conflito armado no Úlster.

Truss invitou o vicepresidente da Comisión Europea Maroš Šefčovič a reunirse "canto antes" con ela para consensuaren os cambios necesarios ao texto aprobado no 2020.

O protocolo para Irlanda do Norte establece controis sobre as mercancías que entran procedentes de Gran Bretaña. Con isto búscase evitar erixir unha fronteira terrestre coa veciña República de Irlanda, que pertence ao mercado único europeo.

A súa aplicación, que aínda non se completou, causou problemas prácticos sobre o terreo e é rexeitada polo Partido Democrático Unionista, segunda forza política norirlandesa. Isto impide a formación dun Goberno autonómico de poder compartido.

Truss argumentou que esta parálise das institucións na provincia británica socava o acordo de paz, polo que o Executivo do primeiro ministro Boris Johnson debe tomar medidas "para restablecer o equilibrio".

Asegurou que o Reino Unido propuxo á UE unha solución "completa e razoable" que reduciría os controis entre Irlanda do Norte e o resto do país, pero, segundo ela, Šefčovič non pode aceptala porque iso requiriría renegociar o protocolo, algo para o que "non ten mandato".

Londres propón que os bens procedentes de Gran Bretaña destinados só para consumo en Irlanda do Norte estean exentos dos controis de aduanas que se aplican aos que pasan a Irlanda (e, por tanto, entran no mercado único europeo).

Segundo o Goberno británico, este chamado "corredor verde" estaría apoiado por un sistema informático con datos de movemento de produtos a tempo real, aínda que ata o de agora as autoridades europeas consideraron que o acceso ofrecido é insuficiente.

Se a UE se nega a buscar unha fórmula para encaixar as súas demandas, o Goberno británico di que actuaría pola súa conta ao amparo da nova lexislación, que de todos os xeitos tardaría meses en ser aprobada polo Parlamento

A CE responderá con medidas se se anula o protocolo para Irlanda do Norte

O vicepresidente da Comisión Europea (CE) para Relacións Interinstitucionais Maros Sefcovic advertiu este martes de que se o Reino Unido segue adiante cun proxecto de lei para anular aspectos do protocolo para Irlanda do Norte negociado como parte do Brexit, a Unión Europea (UE) terá que responder "con todas as medidas á súa disposición".

"Se o Reino Unido decide seguir adiante cun proxecto de lei que deshabilite elementos constitutivos do protocolo, como anunciou hoxe o Goberno do Reino Unido, a UE deberá responder con todas as medidas á súa disposición", dixo o político nun comunicado.

O vicepresidente da CE engadiu que o anuncio británico para presentar unha lexislación que inhabilitaría "elementos constitutivos" do protocolo "expón preocupacións significativas".

Subliñou que o protocolo é a solución acordada entre a UE e Londres para tratar os desafíos expostos pola retirada do Reino Unido da Unión Europea na illa de Irlanda e para protexer as ganancias do proceso de paz irlandés.

Así mesmo, indicou que o protocolo é un acordo internacional asinado por Londres e Bruxelas. "Accións unilaterais que contradin un acordo internacional non son aceptables", aseverou.

Šefčovič asegurou que as propostas da CE poden producir "unha diferenza real sobre o terreo".

"A Comisión Europea está lista para continuar as conversacións co Goberno do Reino Unido para identificar solucións conxuntas no marco do protocolo que beneficiarían as persoas e as empresas en Irlanda do Norte. O potencial das flexibilidades propostas pola Comisión Europea aínda non se explorou por completo, e a Comisión segue disposta a facelo co Goberno do Reino Unido", transmitiu.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade