López Acuña: "Hai que ampliar as restricións porque a incidencia está desbocada"
López Acuña: "Hai que ampliar as restricións porque a incidencia está desbocada"
O que fora director de Asistencia Sanitaria en Situacións de Crise da OMS afirma que aínda é prematuro ofrecer conclusións sobre a ómicron
Alerta de que o principal risco da nova cepa é que escape á efectividade das vacinas porque suporía iniciar un novo ciclo con outro antídoto
Daniel López Acuña, o que fora director de Asistencia Sanitaria en Situacións de Crise da OMS, insta a tomar medidas de restrición de cabidas e horarios ante o incremento da incidencia en España.
Nunha entrevista no Galicia por Diante fin de semana da Radio Galega, asegura que "imos seguir vendo incrementos" de casos, "aumento na positividade" e tamén nos ingresados en UCI. Na súa opinión, o virus está "desbocado" e non o freamos "só coa vacinación" que é na súa opinión fundamental "pero non basta", nin coas terceiras doses e pasaporte Covid. Na súa opinión hai que volver a tomar medidas contundentes de restrición.
"Estamos en varias situacións onde debemos volver ás restricións en horarios, cabidas, acceso a espazos que teñen alto risco de contaxio pola simple e sinxela razón de que hai taxas moi altas de incidencia que debemos frear con medidas restritivas, medidas de protección e manter as medidas de Saúde Pública máis alá da vacina e máis alá das terceiras doses e do pasaporte Covid".
Variante ómicron
López Acuña, preguntado polo informe do Ministerio de Sanidade sobre a variante ómicron, apunta que aínda estamos nun "momento preliminar" e que falta moita información por recoller. De feito estima que fan falla dúas ou tres semanas máis de análises para tirar conclusións.
"Todo nos fai pensar que é unha variante que debe preocupar porque pode expandirse rapidamente, pode contaxiar rapidamente e especialmente temos o temor de que poida reducirse a efectividade das vacinas pero, insisto, aínda é un momento preliminar para chegar a esta conclusión".
Na conversa, López Acuña admite que o peor escenario dos posibles que pode darse coa ómicron é que escape á efectividade das vacinas, porque isto suporía que habería que vacinar con outro antídoto diferente.
"Se a ómicron escapa á efectividade das vacinas ou se se conclúe que escapa substancialmente, isto obrigaranos a novas formulacións das vacinas existentes que teñan a información de ómicron e isto obrigaranos a unha nova fase ou ciclo de vacinación".