Publicador de contidos
Publicador de contidos

LoRa, unha rede para localizar persoas perdidas onde non hai cobertura

LoRa, unha rede para localizar persoas perdidas onde non hai cobertura

O dispositivo permite xeolocalizar e pedir axuda en zonas onde non funciona o móbil

O proxecto de investigación da Escola de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Vigo xa se puxo en marcha cunha ducia de veciños de Toén

G24.gal 27/01/2024 20:59 Última actualización 27/01/2024 21:48

A Escola de Enxeñería de Telecomunicacións de Vigo impulsa un dispositivo de xeolocalización para áreas sen cobertura móbil. Grazas a el unha ducia de veciños da aldea de Trelle, en Toén, saen da casa coa tranquilidade de que a súa familia poderá localizalos en caso de se perder no monte ou ter un accidente. 

Cun móbil no peto pedir axuda se un se desorienta ou se manca nun camiño é relativamente sinxelo. Pero en Galicia quedan aínda lugares sen boa cobertura telefónica, con poboación envellecida que a miúdo sae camiñar por zonas pouco transitadas. Para eles está pensada a rede de comunicación LoRa.

"É unha aplicación que dá cobertura desde unha estación base que se instalou no local da asociación de veciños. Cada veciño voluntario que quere probala leva un pequeno dispositivo, do tamaño dun mando de garaxe, que ten un localizador GPS. Está continuamente localizando a posición e cada cinco minutos, neste caso, transmite a posición cara á estación base", asegura Íñigo Cuíñas, catedrático de Telecomunicacións da Universidade de Vigo. 

O dispositivo non serve para comunicarse falando pero si ten un botón para pedir axuda. E a cobertura chega a un máximo de 20 quilómetros. 

"A persoa se se sente perdida ou cae e ten unha dor e non pode moverse pode mandar unha alarma que chega a esa tableta da asociación e tamén os familiares que teñen esa aplicación instalada no móbil, que lles indica que o seu parente está en tal sitio e necesita axuda", asegura Cuíñas.

Os veciños de Trelle usan o dispositivo desde o verán e cada vez hai máis solicitudes. De momento ninguén tivo que empregalo por unha urxencia e a idea é replicalo en máis aldeas con condicións similares.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar