Publicador de contidos
Publicador de contidos

Luces e sombras no mercado laboral en febreiro, por María Cadaval

OPINIÓN

Luces e sombras no mercado laboral en febreiro, por María Cadaval

G24.gal 05/03/2024 08:04

O mercado laboral en España volve tomar impulso no mes de febreiro despois do comportamento negativo que rexistrou en xaneiro. O segundo mes do ano, obsérvase unha creación de emprego positiva, cun aumento de 103.621 traballadores, unha cifra que nos retrotrae a niveis previos á crise financeira, con 28.000 cotizantes máis do que é habitual. O número de desempregados rexistrados no SEPE experimentou unha redución do 0,27 % con respecto a xaneiro, o cal deixou a cifra de 2.760.408 persoas desempregadas. A seguridade Social conta con 20.708.382 cotizantes.

A precariedade dos docentes é, en parte, responsable deste dato positivo

Este descenso do desemprego atribúese, principalmente, ao impulso do sector servizos, que acada a cifra máis baixa dende 2008. Ademais, observamos un aumento adicional de cotizantes (0,5 %), o maior desde febreiro de 2007, impulsado pola hostalería e o sector educativo. Si, os profesores seguen chegando ás aulas no mes de febreiro. En pleno ecuador do curso, contratáronse 28.941 profesores, aos que se engaden os algo máis de 1.000 que están dados de alta no Réxime Especial de Traballadores Autónomos, o que continúa sendo unha anomalía que ocorre con este tipo de profesionais.

A hostalería tamén xoga un papel protagonista. A recuperación do emprego apreciase especialmente nas comunidades autónomas máis dependentes do turismo, como Andalucía, Baleares ou Cataluña, que lideran a creación destes novos postos de traballo. Tamén rexistramos un descenso do desemprego nos sectores da construción (-1,14 %), industria (-0,86 %) e agricultura (-0,32 %). Non obstante, o desemprego afecta con forza á poboación máis nova e aos parados de longa duración.

O colectivo de xente nova, o mais prexudicado

O colectivo “sen emprego anterior”, aquelas persoas que se rexistran por primeira vez, aumenta en 5.709 (2,33 %), mentres que e o desemprego xuvenil medra en 6.601 persoas. Por rexións, a Comunidade Autónoma de Andalucía lidera a redución do paro, con 4.110 parados menos, seguida pola Comunidade Valenciana, Castela e León e Cataluña. Pola contra, rexistráronse aumentos no paro en Aragón, Madrid, Navarra, Cantabria ou Castela a Mancha.

En Galicia hai 130.583 desempregados rexistrados, un 9 % menos que hai un ano, e 518 persoas menos que en xaneiro. O mellor resultado é para a provincia da Coruña que liderou a caída dos parados (-410), seguida de Lugo, despois Ourense e Pontevedra, que é a única provincia onde o paro subiu neste último mes (109 persoas) debido a un incremento do paro no sector industrial e servizos. Este sector é o que concentra o maior número de parados (93.000), seguido moi de lonxe polo sector industrial (arredor de 13.000 persoas), construción (8.759) e agricultura. En total, Galicia contou en febreiro con 1.055.018 persoas afiliadas á seguridade social, medio punto mais que no mes de xaneiro.

En resumo, febreiro foi un mes positivo para o emprego en España, malia que a economía se enfronta a retos importantes. O dinamismo do mercado laboral é innegable, o que non resta importancia á necesaria visión estratéxica que consolide estes avances e aborde as complexidades económicas e sociais que se albiscan no horizonte.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade