Lugo perde a conexión a Madrid a primeira hora da mañá
Lugo perde a conexión a Madrid a primeira hora da mañá
Anúlase o Intercity e recupérase o Alvia das 10:50, que fora eliminado hai unhas semanas por obras na estación madrileña de Chamartín
Lugo é unha das catro capitais de provincia de España con peores conexións ferroviarias con Madrid. Á escaseza de frecuencias hai que engadir que parte dos traxectos para as conexións se fan por estrada en autobús. E iso debido ás obras de electrificación e mellora das vías.
Desde este luns Lugo perde a conexión por tren de primeira hora a Madrid. Queda suprimido o Intercity que saía ás nove da mañá e restitúese o Alvia das 10:50, que estivo inoperativo durante varias semanas debido ás obras na estación madrileña de Chamartín. Os lugueses tómano con paciencia, que non indiferenza: din que se senten marxinados.
"As conexións son moi malas. Deixáronnos esquecidos. Estamos abandonados dende hai moito tempo", comenta un veciño de Lugo.
Tanto é así que a viaxe en tren non é unha alternativa a considerar para moitos lugueses.
"Hai anos que non collo un tren"; "As conexións son moi malas, por iso non viaxo en tren"; "Eu traballo en Monforte e mirei para ir en tren a traballar pero non hai conexións e teño que ir no meu coche".
Dende que hai un par de anos comezaron as obras de electrización e mellora da vía con Monforte, os enlaces fanse en autobús.
"Tiña pensado coller o AVE pero hai que ir ata Ourense, entón coma que non o collo." "Se queres ir no AVE tes que ir ata Ourense en coche ou en bus. Unha perda de tempo". Unha viaxeira di: "Confiaba en coller o tren e descargar pero dixéronme que non, que teño que ir primeiro en autobús. É un inconveniente."
Algúns usuarios descoñecían que parte do percorrido se fai en bus.
"Non sei se teño que ir primeiro en bus. No billete non di nada. Poderían avisar".
Viaxar dende a cidade de Lugo cara á meseta en ferrocarril pasa, necesariamente, por unha combinación con outro medio de transporte.