Magnus Cort gaña en Santiago e Derek Gee leva a xeral de O Gran Camiño
Cort Nielsen logrou a terceira vitoria das cinco etapas en Santiago de Compostela
Gee, dominador desde a contra o reloxo, demostrou a súa condición de favorito e levou a xeral por diante de Piganzoli e Cort
Rematou a cuarta edición de O Gran Camiño coa vitoria final para Derek Gee. Todo un Top 10 no Tour de Francia que escribe o seu nome no palmarés da proba galega sucedendo a Alejandro Valverde e Jonas Vingegaard. Gee dominou desde a contra o reloxo en Ourense. Na etapa do sábado, a raíña, consolidou esa primeira posición e controlou na quinta e derradeira etapa.
Era unha tirada con seis treitos por camiños de terra nos últimos cincuenta quilómetros. Unha etapa que resultou espectacular e moi atraente para corredores e espectadores. Ás estradas de Santiago chegou un reducido grupo de vinte ciclistas, entre os que destacou Magnus Cort Nielsen. O dinamarqués, gañador da primeira e segunda etapas, volveu ser o máis rápido na Alameda compostelá por diante do limán Carlos Canal.
Canal acaba O Gran Camiño rozando a vitoria en dúas etapas. Malia non chegar na mellor das condicións por mor dunha gripe pelexou na Estrada (foi terceiro) e en Santiago (rematou no segundo posto).
Na clasificación xeral Derek Gee sacoulle 35 segundos ao italiano de Polti Piganzoli e 38' a un Magnus Cort Nielsen que foi o outro gran protagonista polas estradas galegas.


Ao final da proba Ezequiel Mosquera fixo balance da cuarta edición de O Gran Camiño e deixou no aire a posibilidade de cambiar as datas de cara á vindeira edición. Para lanzar a proba colleron a data menos cargada de compromisos. Ao ser coñecida polos grandes equipos agora toca valorar si noutro momento da temporada (xuño ou setembro) se podería manter o nivel deportivo e gañar tranquilidade nas condicións do tempo.