Máis de 100.000 persoas gozaron do Festival do Mundo Celta de Ortigueira
Máis de 100.000 persoas gozaron do Festival do Mundo Celta de Ortigueira
O tradicional Desfile das Nacións Celtas percorreu as rúas da vila
Ortigueira vibrou un ano máis ao ritmo do Festival Internacional do Mundo Celta. Máis de 100.000 persoas achegáronse alí estes días para gozar da música, pero tamén da paisaxe e da gastronomía dunha vila que conseguiu convertese en referente internacional do folk.
A historia do festival comezou a compoñerse en 1978 co esforzo da Escola de Gaitas da localidade.
"Queremos seguir apreciando o valor do noso, respectando a tradición e a cultura galega no desfile, por suposto contando con bandas escocesas, bretoas, asturianas...", conta Bruno Lozano, que preside a escola.
Os gaiteiros da banda de Ortigueira encabezaron o Desfile das Nacións Celtas. Oito grupos máis seguíronos no seu percorrido sonoro e festivo polas rúas da vila.
"Foi unha experiencia marabillosa, a xente está moi entregada e agradecida. Unha experiencia preciosa", asegura Noemí Álvarez, integrante da Banda de Gaitas de Vega de Espinareda, en León.
O desfile inaugurou a xornada final do Mundo Celta, incuestionable referente europeo da música tradicional, un festival de prestixio que continúa sendo totalmente gratuíto.
O escenario principal acolleu unha vintena de concertos e outros tantos pasarrúas levaron a música a cada recuncho da vila.