Os incendios arrasan máis de 3.500 hectáreas en Galicia, con risco para tres núcleos de poboación
Os incendios arrasan máis de 3.500 hectáreas en Galicia, con risco para tres núcleos de poboación
As lapas cercan as parroquias de Saa, na Pobra do Brollón, e Seceda e Vilamor en Folgoso
Os tres lumes rexistrados en Folgoso e A Pobra do Brollón roldan as 1.500 hectáreas calcinadas
As treboadas eléctricas estarían detrás da maioría deles, aseguran en Medio Rural
Galicia remata a semana da vaga de calor en lapas. As temperaturas extremas das ultimas xornadas e a treboadas rexistradas durante a madrugada foron un cóctel explosivo para recruar os incendios forestais. Na quincena deles máis grandes, algúns aínda activos, arderon no seu conxunto máis de 3.000 hectáreas de monte.
Os equipos de extinción traballan contra reloxo ás portas dunha fin de semana que se prevé intensa, dado que as previsións apuntan a un lixeiro descenso das temperaturas, pero seguirán a ser aínda moi elevadas. O vento súmase aos factores meteorolóxicos adversos, e non se agarda chuvia a curto prazo.
O último dos incendios rexistrados é na parroquia de Guillar, no concello pontevedrés de Rodeiro. Polo momento afectan unhas 200 hectáreas.
Folgoso do Courel: tres incendios e case 1.500 hectáreas
Unha das situacións máis complicadas está no concello lucense do Folgoso. onde tres lumes forestais arrasan xa case 1.500 hectáreas. Conforme as últimas estimacións de Medio Rural. En dous deles, decretouse ademais a "situación dous" de risco ante a proximidade das lapas a núcleos habitados.
Entre Courel e Samos ameaza a aldea de Gamiz. na parroquia de Santalla. Os cálculos provisionais estiman que afecta xa 700 hectáreas. Traballan axentes, 9 brigadas, 3 motobombas, dous avións e un helicóptero. Solicitouse a intervención da UME.
Outra parroquia en alerta é Vilamor, tamén no Folgoso, onde as lapas rodean o núcleo de Carballal. O incendio afecta máis de 300 hectáreas. Traballan no lugar 4 axentes, 8 brigadas, 6 motobombas, dous avións e un helicóptero. Tamén se pediu a intervención da UME.
Tamén permanece activo en Vilamor un segundo incendio que calcinou 250 hectáreas de superficie.
450 hectáreas máis en Quiroga
En Quiroga permanece activo desde o xoves un incendio en Outeiro que afecta unha superficie provisional de case 500 hectáreas. Na súa extinción traballan equipos forestais co apoio dun helicóptero.
A Pobra de Brollón: 500 hectáreas en menos dun día
Tamén en Lugo na Pobra do Brollóns un incendio xa arrasou 500 hectáreas de monte. Na montaña de Lugo en total a superficie arrasada supera xa as 2.200 hectáreas. Remitiu o perigo no núcleo de vivendas de Busto ante a proximidade das lapas do lume declarado na parroquia de Saa.
Medio cento de hectáreas no parque do Invernadoiro
Na localidade ourensá de Vilariño de Conso, un incendio declarado o venres en Pradoalbar afecta 95 hectáreas do Parque Natural do Invernadoiro. En Carballeda de Valdeorras tamén segue activo outro lume en Riodolas que arrasa xa 800 hectáreas.
Desaloxo en Baiona
E un fogo rexistrado na madrugada do xoves en Baiona xa quedou controlado este sábado a primeira hora. O incendio obrigou nun primeiro momento a desaloxar varias vivendas pero os veciños xa regresaron ás súas casas. A estimación é dunhas 50 hectáreas arrasadas.
No concello ourensán de Cualedro quedou extinguido o incendio que afectaba á parroquia da Xironda. Continúa controlado o lume forestal no concello de Melón, en Ourense, con 50 hectáreas afectadas e segue estabilizado o que se rexistrou en Ribadavia.
A grande maioría dos incendios forestais rexistrados nas últimas 48 horas en Galicia producíronse por raios, como consecuencia das treboadas desencadeadas en Galicia.