Malpica, no foco da moda
Malpica, no foco da moda
A vila é o escenario da última promoción de moda de Pull and Bear
"A verdade é que nos colleu totalmente por sorpresa. Estaban os mariñeiros por aquí e preguntaban que despregadura había xunto á nave de redeiras e, nada, saímos miralo, achegueime alí e vin que estaban traballando e sacando as fotografías", conta Fran Varela, secretario da confraría de pescadores de Malpica.
En Malpica estes días non se fala doutra cousa.
"Eu vin dúas rapazas noviñas, guapiñas, moi ben vestidas, modernas", comenta un home.
Estaban traballando nunha sesión fotográfica para promocionar a última colección da firma Pull and Bear do grupo Inditex. Todos os veciños son quen de identificar onde se realizou cada instantánea.
"Están no porto de Malpica, na nave das redeiras e, polo porto, polas embarcacións, por unhas escaleiras que hai no porto na punta das obras", explica unha rapaza.
En Malpica están encantados por saír nunha páxina web que se ve en todo o mundo.
"Paréceme algo extraordinario, algo se nota que os xefes andan por Galicia"
"Encántame que veña á vila", comentan varios veciños
"Polo menos dámoslle saída e coñécennos por aí, e está moi ben todo o que sexa promocionar", apunta unha redeira
"E gustounos moito que basicamente teñan en conta a xente do mar, e sobre todo que sempre se está apostando pola sostibilidade e que mellor que os mariñeiros para dar fe diso", confesa Fran Varela.
"O que me dicía un veciño é a esa roupiña toda, a ese vestido tan bonito que leva con nordés de Malpica teranlle que poñer unha chaquetiña por riba. Iso é o que dicía a xente, pero si que estamos tremendamente orgullosos de que se elixira a nosa vila para facer esas cousiñas, si" narra Alfredo Cañizo, tenente de alcalde do Concello de Malpica