Feijóo critica a man tendida de Sánchez ante a crise do executivo catalán
Feijóo critica a man tendida de Sánchez ante a crise do executivo catalán
O presidente do Goberno avoga pola estabilidade na Generalitat e polo reencontro da cidadanía catalá
Yolanda Díaz percibe que se abre unha etapa máis pragmática e esperanzada en Cataluña
Feijóo critica a nova aposta de Sánchez polo independentismo e non polo constitucionalismo
Pedro Sánchez eludiu este sábado as referencias a Cataluña nun mitin en Xetafe. Pero a súa postura quedaba meridianamente clara avanzada a tarde do venres cando enviaba desde Viena unha mensaxe de man tendida e a favor da estabilidade no Goberno da Generalitat.
"O valor da estabilidade é fundamental. A estabilidade dos gobernos é fundamental e por tanto eu avogo por esa estabilidade, neste caso da Generalitat de Cataluña. Sexa cal sexa a circunstancia, a conxuntura do Goberno da Generalitat de Cataluña, nós imos ter tendida sempre a man en aras dese diálogo polo reencontro dentro da sociedade catalá".
En clave de fin de época, de fin de ciclo en Cataluña, falou Yolanda Díaz desde A Coruña. A vicepresidenta segunda do Goberno albisca unha "porta aberta á esperanza":
"Cataluña pecha unha época, unha época que foi dunha tremenda combustión, se me permiten. Agora toca abrir unha porta á esperanza. Necesitamos que Cataluña goberne, que goberne e resolva os problemas da cidadanía".
Mentres, o líder do PP, Alberto Nuñez Feijóo, destacaba que Sánchez se aproveita da descomposición do independentismo catalán para apontoar o seu Goberno amparándose naqueles que se mofaron da unidade do Estado.
"Moitos militantes do partido socialista e moitos dirixentes do partido socialista, que son constitucionalistas, non entenden que ante a descomposición do independentismo catalán o presidente Sánchez prefira apontoar o independentismo catalán que apostar polo constitucionalismo".