Manifestantes iranianos préndenlle lume á casa do ayatola Jomeini
Manifestantes iranianos préndenlle lume á casa do ayatola Jomeini
Irán leva máis de dous meses de protestas pola morte da moza Masha Amini, detida por levar o veo mal posto
Os axentes dispararon indiscriminadamente contra cidadáns no metro
En Irán varios vídeos publicados en redes sociais amosan ardendo a casa onde naceu o fundador da República Islámica, o aiatolá Jomeini.
Ao parecer, os manifestantes incendiárona nas últimas horas nunha protesta que dura xa dous meses.
Os disturbios comezaron o pasado 16 de setembro coa morte da moza Masha Amini en dependencias policiais. Os axentes arrestárana por levar mal posto o veo.
Fontes oficiais din que as imaxes son falsas e que a casa está intacta, aínda que a axencia internacional Reuters puido confirmar a localización.
As protestas continúan por todo o país. Nas últimas horas difundíronse tamén varios vídeos da policía disparando indiscriminadamente contra cidadáns no metro.
En numerosas cidades do país están a producirse folgas, pero é difícil coñecer o seu alcance dadas as limitacións de Internet e a falta de información oficial.
Activistas denunciaron que as forzas de seguridade aumentaron a represión nos últimos días.
Polo menos 326 persoas, entre eles 43 menores de idade, morreron na represión policial, segundo a oenegué Iran Human Rights, con sede en Oslo.
Ademais, ata o de agora cinco persoas foron condenadas a morte pola súa participación nas mobilizacións, mentres que unhas 2.000 foron acusadas de diversos delitos por manifestarse.