Manter a privacidade contribúe a un uso máis seguro das aplicacións de citas
Manter a privacidade contribúe a un uso máis seguro das aplicacións de citas
Antonio Tova de Llano, psicólogo: "Nas aplicacións de citas hai unha tendencia a idealizar a outra persoa, e iso fainos máis vulnerables"
Ser precavidos á hora de facilitar información persoal é unhas das recomendacións dos expertos para evitar malas experiencias
De entrada, cando preguntamos na rúa polo uso de aplicacións de citas, as primeiras reaccións son: "Nelas, a maioría das veces son perfís falsos", sinala un home.
Unha muller puntualiza: "Un pouco o mesmo que hai habitualmente se vas a un pub e coñeces a alguén, pero eu, por exemplo, non estou acostumada a ese tema".
Outro home pronuncia un rotundo "non" para dicir que non emprega este tipo de aplicacións e engade: "Pola situación persoal non teño necesidade de usalas", aínda que tamén apunta: "Se tivese necesidade si que faría uso delas".
Para o psicólogo Antonio Tova de Llano, o uso destas aplicacións non tería por que supor un risco maior que o que hai nas relacións de contacto persoal porque: "O que ocorre coas aplicacións de contactos e de citas é que tendemos a idealizar iso que buscamos, o cal leva a que ás veces interpretemos as cousas sen matices".
Son novos xeitos de relacionarse en que as persoas usuarias tenden a baixar a garda, porque cando alguén entra nunha destas aplicacións: "Eu entro cunha finalidade, a de querer coñecer a alguén, e nese aspecto baixo as defensas aínda que as manteña en alerta para outras cousas, como querer só determinado tipo de relacións; pero xa vou cunha intención determinada e iso fai que sexamos algo máis vulnerables", explica Tova de Llano.
E como ningunha aplicación está libre de riscos, o psicólogo aconsella: "Igual que se coñecemos a alguén o primeiro día non o invitamos nin o levamos á nosa casa por múltiples razóns, aquí é o mesmo: non abrirlle a nosa casa e non empezar a abrir e darlle toda a nosa información persoal sen saber a quen lla estamos a dar".
A precaución preséntase así como unha das opcións máis recomendables para evitar malas experiencias.