Mañueco di que será "o presidente de todos, sen distinción de opinións ou ideoloxías"
Mañueco di que será "o presidente de todos, sen distinción de opinións ou ideoloxías"
"Castela e León non é, nin pode ser, o proxecto dun só partido ou dun só goberno, debe ser de toda a sociedade", dixo Mañueco no acto e xura como presidente
O presidente de Castela e León agradece o apoio de Feijóo desde hai moitos anos e especialmente desde que é presidente do partido
Alfonso Fernández Mañueco xurou esta mañá o seu cargo como presidente da Junta de Castela e León na XI lexislatura. Para Mañueco esta é a segunda que asume, coa vontade de ser "o presidente de todos, sen distinción de opinións nin ideoloxías", dixo. Será un goberno de coalición, tras pactar con Vox, que por primeira vez forma parte dun goberno autonómico.
"Porque Castela e León non é, nin pode ser, o proxecto dun só partido ou dun só goberno, debe ser de toda a sociedade; e por iso toda a nosa sociedade debe implicarse nesta tarefa. Para este fin ofrezo moderación, diálogo, tolerancia, integración e un espírito aberto que permita crecer coa diversidade de opinións e co debate público".
O acto desta mañá cualificouno Mañueco "de curta duración pero intenso de emoción". Nel amosou o seu "profundo agradecemento" a todos aqueles fixeron posible este momento, como a súa muller e as súas fillas, sen as cales "non o conseguiría", dixo.
Mañueco tamén lembrou os compañeiros de partido e os amigos por confiar nel e deulle as grazas ao presidente de Vox, Santiago Abascal, e ao futuro vicepresidente, Juan García-Gallardo.
O presidente da Junta de Castela e León, tamén tivo palabras de agradecemento para o novo líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, que hoxe non acudiu ao acto de xuramento do cargo de Mañueco nas Cortes de Castela e León.
"Sempre tiven o seu apoio, no político e no persoal, desde hai moitos anos, pero especialmente desde que é presidente do partido".
Mañueco tamén agradeceu a presenza doutros dirixentes e exdirixentes do PP presentes no acto, como Isabel Díaz Ayuso, Cuca Gamara, Javier Maroto e o expresidente do Goberno Mariano Rajoy.
"Sempre agradecerei a túa confianza, os teus consellos, o teu exemplo político e de xestión", díxolle o presidente de Castela e León a Mariano Rajoy.