Publicador de contidos
Publicador de contidos

Bermúdez de Castro: "Navantia Seanergies ten pedidos na eólica mariña ata o 2030"

Bermúdez de Castro: "Navantia Seanergies ten pedidos na eólica mariña ata o 2030"

O director de Navantia Seanergies en Fene apunta que un dos obxectivos é superar a barreira dos mil traballadores directos

Manuel Bermúdez de Castro destaca as boas previsións na fabricación de compoñentes
 

G24.gal 07/06/2023 10:33 Última actualización 07/06/2023 11:45

O director de Navantia Seanergies en Fene, Manuel Bermúdez de Castro, apunta que o estaleiro fenés ten garantida a carga de traballo ata o 2030 cos actuais pedidos para o sector da enerxía eólica mariña

Nunha entrevista no Galicia por diante, da Radio Galega, Bermúdez de Castro confía en que ao longo deste ano, 2023, se asinen novos contratos.

Explicou que se abrirán novas oportunidades de negocio agora que se ultima a transformación do estaleiro para fabricar de xeito simultáneo os tres tipos de estruturas que sustentan os aeroxeneradores en alta mar; os jackets, os monopiles e os flotantes. 

"Somos líderes na construción de monopiles, somos líderes na construción de jackets e líderes na construción de flotantes. Con esas tres tecnoloxías de cimentación de eólica offshore consideramos que imos ser capaces de construír esas tres tecnoloxías ao mesmo tempo nas nosas instalacións ou noutras que precisaremos", apunta Bermúdez de Castro.

"E con iso esperamos superar a barreira dos dous mil traballadores. Aínda que para iso debemos apoiarnos na cadea de subministracións de aí que, o desenvolvemento da cadea de subministración da eólica mariña sexa unha das áreas de traballo que están incluídos no PERTE do naval", sostén.

Recoñece que as instalacións de Fene están a quedar pequenas para Navantia Seanergies. Explicou que o uso de espazos no porto exterior de Coruña, que suscitou polémica na contorna de Ferrol, débese á necesidade de contar con superficies amplas para "a ensamblaxe final" de compoñentes de grandes dimensións e que demanda o mercado norteamericano.

"Iso non resta traballo nas nosas instalacións de Fene senón que é unha oportunidade", asegura Bermúdez de Castro. 

O director de Navantia Seanergies en Fene lamentan que haxa un déficit de "perfís profesionais" e de "falta de man de obra cualificada". Explicou que no proceso de fabricación, a automatización gaña terreo e considera necesario atopar traballadores coma operadores de robot. Con todo, destaca que se precisan perfís da "vella escola" coma "soldadores ou montadores". Pide a implicación dos gobernos, da Xunta e do Executivo central, para que a Formación Profesional inclúa na oferta educativa este tipo de perfís.

"O crecemento da eólica mariña en España vai ser exponencial, como está a ser en Europa. Ademais ábrense novos mercados con Australia ou os Estados Unidos. O mercado prevé que a eólica mariña sexa a principal fonte de enerxía no 2040. Ata ese ano, o mercado vai seguir medrando e imos ter que atender ás necesidades dos nosos clientes", afirma o director de Navantia Seanergies.

Bermúdez de Castro explicou que xunto á construción de elementos para parques eólicos mariños, Navantia Seanergies impulsa tamén a actividade relacionada co hidróxeno. Cuestión que no PERTE do Naval ten unha parte destacada.

"Estamos enfocados á fabricación de electrolizadores. Como somos especialistas en pilas de hidróxeno, pois queremos centrarnos na mobilidade ecolóxica relacionada co hidróxeno", sostén. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade