Manuel de Pazo: "A suspensión de parques eólicos pode deixar a industria galega moi tocada"
Manuel de Pazo: "A suspensión de parques eólicos pode deixar a industria galega moi tocada"
O presidente da AEG advirte que están en xogo millóns de investimentos e empregos
A Xunta reabre o rexistro para presentar novos proxectos tras ano e medio de moratoria
Tras ano e medio de moratoria, a Xunta volve abrir o rexistro para recibir novos proxectos de parques eólicos. O presidente da Asociación Eólica de Galicia, Manuel de Pazo, insiste en que esta enerxía é fundamental para Galicia e cre que, se se confirman as últimas decisións xudiciais que anulan os permisos de varios proxectos, a industria galega quedará moi tocada.
A asociación está preocupada polas consecuencias que pode ter a decisión do Tribunal Superior de Xustiza de anular os permisos para construír os parques de Bustelo e Campelo, e suspender outros proxectos nos concellos de Zas e Santa Comba.
"Os procedementos xudiciais sabemos o que tardan, pode estar supendido un ou dous anos e se esa suspensión vai adiante vai deixar tocado o sector industrial galego dos próximos anos"
A patronal do sector advirte de que as paralizacións teñen un custo moi elevado e mentres agardan a resolución dos recurso, os proxectos poden perder tamén os dereitos de acceso e conexión á rede. E ademais, as anulacións poderían crear precedente e afectar a outros proxectos que se tramitan en toda España.
"Hai aprobados moitos plans europeos, hai moitas industrias, estamos a xogar miles e miles de postos de traballo, estamos a falar, en máis de sete anos, de máis de 300 mil millóns de investimento e máis de medio millón de empregos e se non se poden facer aquí pois vanse facer noutros lugares"
De momento, Adega prevé presentar recursos contra outra vintena dos 75 parques autorizados pola Xunta hai ano e medio, cando entrou en vigor unha moratoria que finaliza este mes de xullo. Os novos proxectos que se autoricen a partir de agora deberán respectar as novas distancias ás vivendas, que se fixarán en función da altura do muíño de vento.