Manuel Lesmes, un galego no mundial de fotografía
Manuel Lesmes, un galego no mundial de fotografía
É a segunda vez que compite na World Photographic Cup
No 2020 foi elixido mellor fotógrafo de vodas de España
Un galego, Manuel Lesmes, foi seleccionado para participar no mundial de fotografía. Concursará cunha foto sacada na ría de Muros e Noia que vai percorrer moitos países.
"A fotografía é arte. Punto", exclama este ribeirense, que fala da humildade e o traballo como camiño para captar a verdade. A súa mirada aprendeu da mirada do seu pai, da mirada do seu avó. Tres xeracións de fotógrafos que explican o salto dos detalles de onte aos detalles de hoxe.
Manuel foi elixido mellor fotógrafo de vodas de España en 2020. "Ao mirar unha fotografía, o principal é que haxa emoción e sentimento", conclúe.
Este ribeirense é exemplo de como o tempo, de onte a hoxe, foi traendo novas miradas a un mesmo lugar. Mesmo escenario, distintas fotografías. "Esta está feita na estrada do faro de Corrubedo. Esta foto levoume ao mundial en 2020". Daquela participou na categoría de voda.
E agora, para o mundial de 2022, foi seleccionado na categoría de reportaxe. A súa foto representará a Galicia no mundial, co equipo espeañol. Nestes meses vindeiros, cada país votará a cegas as fotos dos demais países. Así que, acabe gañando ou non, a foto que Lesmes fixo na ría de Muros e Noia dará a volta ao mundo.