Publicador de contidos
Publicador de contidos

'Irving Penn: Centennial', a mostra máis ampla sobre o mito da fotografía, na Coruña

'Irving Penn: Centennial', a mostra máis ampla sobre o mito da fotografía, na Coruña

A mostra abre ao público mañá na sede da Fundación Marta Ortega Pérez, onde permanecerá ata o 1 de maio

Ademais das máis de 160 fotografías de todos os seus períodos artísticos, na exposición poden admirarse dos algúns elementos dos que Penn se servía para os seus icónicos retratos

G24.gal 22/11/2024 14:37

'Abrumadora'. Sería quizais un dos adxectivos que poden definir 'Irving Penn: Centennial', a mostra máis completa e exhaustiva xamais presentada en España sobre un dos fotógrafos máis estudados, admirados e imitados da historia. Máis de 160 imaxes de todos os períodos vitais dun artista que foi moito máis que o gran mestre da fotografía de moda. Penn era un retratista único, que o mesmo poñía diante da cámara a Picasso, Hitchcock ou Truman Capote que a dous meniños peruanos, un afiador parisiense ou un carniceiro de Londres.

"Cría firmemente na tradición democrática de que a fotografía era para todo o mundo. Si, traballaba con modelos fermosas, e roupa preciosa, e comprendía a linguaxe da moda, pero a súa obra vai moito máis aló", contounos Jeff L. Rosenheim, comisario da exposición.

Na mostra que mañá se abre ao público na Coruña non hai só fotografías. Tamén algúns dos elementos esenciais que Irving Penn empregou para tomalas. Como este vello pano de atrezo teatral co que viaxou durante máis de medio século. Ante el posaron centos de persoas, entre elas iconas do cine, a moda, a pintura ou a literatura.

Audrey Hepburn, Yves Saint Laureant ou Joan Miró son só algunhas desas celebridades que posaron diante do pano de Irving Penn, como nunha etapa anterior o fixeran, neste angosto recuncho de taboleiros, Dalí, Stravinsky ou o campión dos pesos pesados Joe Louis. 

"Coñecía a linguaxe da arte, non só a linguaxe do mercado. E a todo o mundo lle encantaba posar para el".

Pero Irving Penn fixo tamén crítica social. Na súa serie de espidos captaba mulleres moi afastadas do estereotipo das revistas de moda, cuxas portadas tamén lle encargaban. E nas cabichas que inmortalizaba tras recollelas pola rúa adiantábase ao seu tempo e denunciaba un hábito que estaba no seu pico de popularidade. 'Centennial' estará na Coruña ata o próximo 1 de maio. Garden unha mañá para ir vela.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade