Lorenzana: "Parece que o Goberno non aposta pola provincia de Lugo"
Lorenzana: "Parece que o Goberno non aposta pola provincia de Lugo"
"Hai que esixirlle este ultimato, ten que aclarar cal é a súa planificación, e de non ser así esixirlle responsabilidades e tomar as rendas dende o Goberno central", di a conselleira sobre Alcoa
"Altri leva esperando financiamento dos Next Generation dende hai máis dun ano", asegura Lorenzana, quen lamenta que o ministro de Industria diga que só coñece o proxecto desde hai un mes ou que non se inclúa na conexión á rede eléctrica
A situación da factoría de Alcoa en San Cibrao e do proxecto de Altri en Palas de Reis son nestes momentos dúas das maiores preocupacións da Xunta de Galicia no plano industrial e laboral.
O anuncio de Alcoa a semana da reactivación das cubas na fábrica da Mariña, acompañado da advertencia de que está a quedar sen fondos, fixo que a conselleira de Industria, María Jesús Lorenzana, pedise ao Goberno central que lle dese un ultimato á compañía.
"Mantivemos unha reunión o venres pasado e o Goberno galego solicitou que a Secretaría de Industria, que preside a mesa de reunións, lle dea un ultimato a Alcoa para que sinale cal é o seu o plan de negocio e o seu plan de futuro", explicaba Lorenzana este mércores nunha entrevista no Bos días, da Televisión de Galicia.
"Quero recordar que a nosa preocupación é inmensa porque son son mil postos de traballo directos e mil das empresas auxiliares na Mariña de Lugo, polo que con este número de postos de traballo e coa relevancia que ten esta industria para Galicia e para España pois temos que tratalo tamén esixindo moitísima seriedade á empresa", afirmaba a conselleira.
Desde a Xunta non ocultan o seu enfado coa multinacional americana do aluminio: "Creo que a empresa non a está tendo [seriedade] porque non está dando ningunha seguridade nin aos gobernos nin aos traballadores e polo tanto hai que esixirlle este ultimato, ten que aclarar cal é a súa planificación para esta fábrica, e de non ser así esixirlle responsabilidades e tomar as rendas dende o Goberno central, que é o que ten as competencias, e por suposto nós, desde a Xunta de Galicia, apoiando en todo o que se poda".
Pola súa parte o proxecto de biofibras téxtiles que empresa portuguesa Altri proxecta para Palas de Reis tampouco se concreta, segundo a Xunta porque o fianciamento comprometido non chega.
"Aquí serían 2.500 postos de traballo para cando estea funcionando a fábrica en 2026, pero na construción son máis de 4.000 postos os que se xerarían, e Altri leva esperando financiamento dos Next Generation dende hai máis dun ano", explica Lorenzana.
"Onte desgraciadamente coñeciamos que o ministro de Industria, nunha intervención desafortunada, só coñecía o proxecto desde hai un mes, cando só hai que ir ver encontros do presidente Pedro Sánchez co presidente Feijóo, e despois co presidente Rueda, en que se compromete a financiar esta fábrica por ser un proxecto singular e que encaixa dentro dos eixes transformacionais dos fondos Next Generation", lamenta a conselleira.
Lorenzana sinala as responsabilidades políticas nos casos das dúas industrias: "A realidade é que parece que o Goberno socialista non aposta pola provincia de Lugo. Onte dicía que parece unha persecución aos postos de traballo e á industria de Lugo, porque non se comprende que esteamos falando de deses2.500 postos nesta fábrica, da perda de 2.000 en Alcoa, entre os directos e as auxiliares, e estase tratando con frivolidade ata o punto de dicir que non se coñece o proxecto de Altri".
O último atranco no proxecto de Palas de Reis podería estar na súa conexión á rede eléctrica. "Acaban de presentar a modificación de rede de transporte eléctrico por parte do ministerio de Teresa Ribera, e Altri precisa dunha modificación da rede de transporte eléctrico para a súa conexión, para que a fábrica poida funcionar, e Altri non aparece recollida", explica María Jesús Lorenzana.
"Reclamamos ao PSOE, a través do Goberno central, que teña en conta a provincia de Lugo. Non poden castigar aos cidadáns dunha provincia porque maioritariamente, como é evidente, voten a outro partido político, e máxime cando o candidato socialista á Xunta é da provincia de Lugo", conclúe a conselleira de Economía e Industria.
No que é máis optimista é respecto ao proxecto do grupo Amper en Arteixo. Este martes anunciaba un investimento de 20 millóns para a construción de novas instalacións. "É unha noticia fantástica. É un proxecto claro, decidido por parte da empresa, e estaremos falando no ano 2025 de que haberá 200 empregos máis en Galicia vinculados a ese proxecto pero ademais vanse xerar 600 postos de traballo indirectos", afirma Lorenzana.
"En total este grupo entre ese proxecto de Arteixo, coa fabricación de elementos de almacenamento enerxético en baterías, e coa fabricación de compoñentes de eólica mariña que ten instalados en Galicia, e que está a piques de instalar no porto exterior de Ferrol e no da Coruña, e coa compra da antiga Gamesa, pois este grupo dará a 1.000 postos de traballo directos en 2025, e ademais é un grupo consolidado que vai seguir crecendo e ten boas expectativas de futuro", sinala.
"Esa aposta por Galicia é fundamental para a liña na que estamos traballando para ser un polo de investimento e que sexa atractiva para continuar crecendo en determinados tipos de industria, como é o das enerxías renovables neste caso", conclúe a conselleira.