María Jesús Lorenzana: "Estamos abertos ao consenso na Lei de recursos naturais para que sexa de país"
María Jesús Lorenzana: "Estamos abertos ao consenso na Lei de recursos naturais para que sexa de país"
María Jesús Lorenzana: "Estamos abertos ao consenso na Lei de recursos naturais para que sexa de país"
A consellería de Economía asegura que cando a futura norma entre en vigor os promotores de proxectos deberán incluír como trasladarán os beneficios á sociedade
Insiste en que a Xunta non prexulga a viabilidade de Altri e pide que non se utilice a "demagoxia" e a "desinformación"
O plan director da automoción que presentará este luns ao sector busca mellorar a "competitividade, a innovación, a formación e a retención de talento"
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, amosa na Radio Galega a súa disposición á busca do consenso coas forzas da oposición para conseguir que a futura Lei de Recursos Naturais de Galicia-Lei de Promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia- sexa unha "lei de país". Lorenzana así o aseguraba nunha entrevista en A Crónica tras admitir tristeza polas emendas de devolución presentadas tanto por BNG coma PSdeG e que decaeron pola maioría absoluta do PPdeG.
"Queremos que sexa unha lei de país porque é a planificación económica, industrial e enerxética que estamos formulando. Entristécenos moito que de primeiras o que se teñan presentado sexan esas emendas de devolución (...) pero nós estamos absolutamente abertos nas emendas parciais a traballar para lograr consensuar un texto que sexa un texto de país".
Lorenzana, quen sostén que a futura norma ten coma idea converter a riqueza natural de Galicia en riqueza social, puña exemplos do que se pretende con esta normativa. Botando man dun posible parque eólico, a conselleira de Economía explicaba que "ese parque eólico, cando se tramite, ademais de toda a declaración de impacto ambiental (...) vai ter que engadir un documento, un informe, o promotor onde diga como vai trasladar eses beneficios. Nomeadamente podería ser unha parte da enerxía que eu vou producir nese parque eólico, vóullela trasladar, vóullela dar aos cidadáns próximos, das zonas próximas, e a un prezo máis barato que a factura da luz actual".
Altri
A conselleira de Economía e Industria pide "que non se utilice a demagoxia" á hora de se posicionar sobre o proxecto da fábrica de fibras téxtiles de Altri en Palas de Rei. Lorenzana di que "non é sinxelo ser experto nunha cuestión tan complicada como é unha fábrica cunha tecnoloxía única no mundo" polo que lles pide a "asociacións que se din ecoloxistas e a algún partido que actúen con responsabilidade" e ao resto de persoas interesadas no proxecto que "se informen e se informen de verdade". Insiste en que a Xunta aínda non sabe se Altri é "ambientalmente sostible ou non" e asegura que "se non o é, tranquilidade porque non se vai aprobar".
Plan director de Automoción
Nas vésperas de que a Xunta presente na mesa do diálogo social do sector o Plan Director da Automoción, a conselleira de Economía e Industria asegurou que se tratan dunha serie de medidas coas que se quere mellorar a "competitivididade" e "reter o talento" entre outros obxectivos. Lorenzana explicou que se trata dun sector moi importante para Galicia, con 25.000 empregos e reiterou que nos vindeiros días sairá a primeira orde axudas dotada cuns 18 millóns de euros para a industria auxiliar e que se enmarca neste Plan Director.
"Traballa cunha serie de medidas que queremos a medio prazo facer coa automoción para mellorar a súa competitividade, a súa innovación, a formación das persoas e a retención de talento nas fábricas en Galicia".