Lorenzana: "Non me parece realista contar que en xuño vaia estar vendida Alcoa"
Lorenzana: "Non me parece realista contar que en xuño vaia estar vendida Alcoa"
A conselleira de Industria en funcións reitera a necesidade de que Alcoa cumpra cos acordos para San Cibrao en paralelo á venda
Atribúe a mentiras ou falta de información algunhas informacións sobre Altri que son contrarias ao expediente administrativo
Considera que Stellantis Vigo sofre "discriminación" na repartición de axudas por parte do Estado
A conselleira de Economía, Industria e Innovación en funcións, María Jesús Lorenzana, considera pouco factible por "non realista" que en xuño a factoría de Alcoa San Cibrao estea vendida tal e como pretende a multinacional.
Nunha entrevista no Galicia por diante fin de semana da Radio Galega, Lorenzana lembraba que tanto a Xunta coma o Goberno central asinarán un acordo de confidencialidade para velar pola seriedade das empresas interesadas. Un proceso que considera proceloso e que a leva a dubidar de que a mediados deste ano a operación estea rematada.
A conselleira en funcións tamén insistía na necesidade de que -en paralelo á busca de compradores- Alcoa cumpra o acordo de viabilidade e cos investimentos nel previstos. Alude á necesidade de que sexa "competitiva" e para "facer un negocio viable" estea á fronte un novo comprador ou a propia Alcoa.
"A min non me parece realista contar que en xuño vai estar vendida Alcoa. Por esta razón é pola que eu insisto en que é moi importante que Alcoa continúe traballando coa fábrica coma o primeiro día. Continúe cumprindo cos acordos da mesa sectorial"
Lorenzana admite que lles preocupa que na factoría da Mariña acabe sucedendo o acontecido coas factorías de Alcoa na Coruña e Avilés, de aí que xulgue preciso que o futuro comprador sexa, sobre todo "un industrial a nivel nacional ou internacional de recoñecido prestixio" e que "dea todas as garantías de que poida asumir esa xestión".
"Ten que ser ou un industrial de renome, de solvencia recoñecida, o cal daría moitísimas garantías ou ao mellor unha empresa máis innovadora ou máis incipiente que se poida apoiar -hai que ver os mecanismos- a través dun mecanismo de financiamento para entrar na fábrica".
Respecto á intervención pública que reclaman formacións coma o BNG, Lorenzana reitera que a Xunta defende unha intervención "sempre que sexa de natureza instrumental para proceder despois á venda". Unha operación que en todo caso lle correspondería á SEPI -Sociedade Estatal de Participacións Industriais- pero non entende "razoable" unha intervención pública con esa única finalidade senón co obxectivo de buscar un eventual comprador.
Parques eólicos paralizados
A conselleira de Industria en funcións, na entrevista, tamén alertou de importantes consecuencias para o sector eólico non só galego senón español polos atrasos derivados das suspensións cautelares de parques eólicos ditaminadas polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
Tras reiterar que recorrerán as últimas que afectan a sete parques, ao asegurar que "a nosa asesoría xurídica está traballando de maneira intensa para recorrer cada unha desas resolucións", Lorenzana avisa de que as consecuencias poderían agravarse pola cuestión prexudicial formulada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea. Unha cuestión na que -segundo explicou a conselleira de Industria en funcións- o tribunal galego pon en dúbida que a lei ambiental española de hai dez anos recolla correctamente a directiva europea correspondente.
"Cando de maneira cautelar se están paralizando os parques non é soamente que se paralice o investimento concreto dese parque senón que agora mesmo, tal cal vai o circuíto de recursos, se está xerando un estado de parálise de desenvolvemento dos eólicos que pode estenderse a toda España con esta cuestión prexudicial que acaban de formularse. Non estamos falando de Galicia, significaría a paralización total de todo o desenvolvemento en España".
Altri
María Jesús Lorenzana tamén falou do proxecto de fábrica de fibras téxtiles de Altri en Palas de Rei, en período de exposición pública. A conselleira en funcións considera normal que haxa críticas, "sería malo que non tivese críticas", o que non se pode facer, indicaba a continuación, é "nin mentir nin transformar a opinión dos cidadáns baseándose en falsidades".
Segundo argumentou, "non vai saír ningún proxecto que non teña unha declaración de impacto ambiental favorable". Ademais, amosouse sorprendida co feito de que fronte a informes e análises que leve meses facelos, haxa "avaliacións ambientais paralelas que se están facendo en vinte e catro horas" sobre un proxecto das dimensións do de Altri. Por iso apela a que deixe traballar aos técnicos e pídelle á "cidadanía que estea tranquila".
"Hai cuestións que son evidentemente contrarias ao que está no expediente administrativo. Aquí soamente caben dúas opcións porque nos está dicindo que non consultou ese expediente -o cal me parece lóxico, a cantidade de folios que ten o expediente é para marearse- entón non o consultou e o dixo ou se o sabe, está mentindo".
Stellantis Vigo
A responsable de Industria en funcións da Xunta tamén foi moi crítica coa situación que vive Stellantis Vigo ao considerar que sofre "discriminación" na repartición dos fondos europeos por parte do Goberno central. Para Lorenzana "non é de recibo" que a empresa máis produtiva deste grupo industrial en Europa "non reciba apoio do PERTE".