Publicador de contidos
Publicador de contidos

Lorenzana pide a colaboración entre administracións para garantir o futuro de Alcoa San Cibrao

Lorenzana pide a colaboración entre administracións para garantir o futuro de Alcoa San Cibrao

A conselleira de Industria pide axilizar acordos que garantan prezos da enerxía competitivos para as empresas electrointensivas

Considera unha boa noticia que as sentenzas xudiciais apoien a tramitación ambiental dos parques eólicos da Xunta

Pídelle ao Goberno central que se implique na defensa de industrias das que dependen moitos empregos

G24.gal 19/01/2024 09:30

A conselleira de Industria María Jesús Lorenzana pide que se garantan uns prezos da enerxía competitivos para as empresas electrointensivas, para poder competir así con outros países veciños onde a electricidade ten uns prezos máis baratos ou ben existen subvencións estatais para ese tipo de fábricas.

Di Lorenzana que Galicia ten moitísima capacidade e recursos naturais para producir enerxía renovable e que a Xunta traballa en garantir que se poñan en marcha novos proxectos, sempre tendo en conta a compatibilidade co territorio.

Propón "garantir que realmente toda riqueza que hai no noso territorio e os recursos naturais son patrimonio de todos os galegos e teñen que quedar en Galicia, para as nosas industrias". Neste sentido, lembrou que o Executivo galego acaba de poñer en marcha unha sociedade para explotar estes recursos e que garantan prezos máis baratos para a enerxía.

Lembrou tamén Lorenzana as palabras do presidente da Xunta, que avogaba pola colaboración co Estado. Considera a conselleira que o estatuto actual para industrias electrointensivas non ten medidas adecuadas e que hai que traballar en adaptalo para que non teñamos esa ameaza continua de deslocalización desas compañias.

Sobre por que o prezo da electricidade está máis caro en España para as empresas, a conselleira de Industria lembrou que o mix enerxético do Estado é diferente ao doutros países veciños. Puxo como exemplo a Francia, onde ten moito máis peso a enerxía nuclear, que abarata os custos. "Nós temos que avanzar en ser máis autosuficientes no plano enerxético". Volveu lembrar que Galicia ten unha "situación territorial privilexiada", con recursos como a auga e o vento.

Avogou por regular acordos, os coñecidos como PPA, contratos polos cales a enerxía que facilita o proxecto enerxético, como un parque eólico, se lle ofrece á empresa a un prezo máis barato que a factura enerxética do mix xeral. "Temos que desenvolver ese tipo de acordos constantes para que as industrias teñan esa capacidade", dixo Lorenzana.

Outro aspecto en que outros países lles ofrecen condicións máis favorables ás industrias electrointensivas é que "teñen reguladas esas axudas intensísimas" para ese tipo de empresas. Puxo como exemplo Francia, Alemaña ou Italia, onde os gobernos axudan ás empresas para que reduzan custos e aumente a súa competitividade.

"Non entendemos por que o Goberno central non apoian estas industrias", e puxo como exemplo o caso do proxecto de Arcelor Mittal en Asturias. "Tiña un financiamento de 400 millóns de fondos europeos pero parécelles inviable polos prezos enerxéticos". Reclama María Jesús Lorenzana que isto non afecta só a comunidades gobernadas polo Partido Popular e instou ao Goberno central a "tomalo en serio, porque detrás destas industrias hai moitísimos empregos" e está en xogo a economía e a riqueza do país, engadiu.

María Jesús Lorenzana valorou a sentenza do Tribunal Supremo contra os recursos que se presentaron contra a tramitación ambiental de varios proxectos de parques eólicos en Galicia. "Poñían en dúbida cuestións da tramitación ambiental", dixo. Tendo en conta o "respecto absoluto a cada sentenza", a conselleira quixo explicar: "Os cidadáns entendan que lle deu a razón á Xunta, co cal isto para a nosa industria é unha boa noticia, porque implica que o desenvolvemento en enerxía renovable se estabiliza. Estamos indo polo bo camiño", dixo.

Defendeu: "A tramitación ambiental dos parques que dependen da Xunta, os de menos de 50 megawatts, teñen unha tramitación máis rigorosa, con máis requisitos e trámites que os do Goberno central, sendo todas legais". Lorenzana non entende por que se puxo en dúbida a tramitación que fai a Xunta e dixo que é unha boa noticia, que vai no bo camiño para a industria e o emprego en Galicia.

"Non só falamos de colocar un parque eólico, senón que vai vinculado á industria ese acordo PPA para ter enerxía máis barata, e eses proxectos de enerxía renovable permiten o mantemento ou creación de novos empregos nas industrias se hai estabilidade nos prezos da enerxía".

Confía Lorenzana en que se levan adiante eses parques e resaltou que só se están a autorizar os que respecten o territorio e o sector primario. "Máis do 40 por cento das solicitudes foron denegadas", dixo neste sentido. "A Xunta nunca vai pasar eses límites", dixo, porque o Goberno galego está aí para apostar polo desenvolvemento de Galicia, "como ten que facer calquera Executivo con sentido común".

A conselleira de Economía, Industria e Innovación lembrou que Alcoa se comprometeu a manter aberta a fábrica de San Cibrao. "Ese compromiso modificouse hai pouco tempo". E lembrou o que dixo o presidente do comité de empresa, de que cando se asinou ese compromiso as condicións eran practicamente idénticas ás da actualidade, en referencia aos prezos da enerxía.

"Temos solicitado dende finais do ano pasado moitas reunións o presidente da Xunta e eu mesma co comité de empresa e con Alcoa e pedimos transparencia absoluta". Lorenzana reclámalle a Alcoa "saber as decisións que vai tomar cos gobernos e cos traballadores". Explicou que está convocada unha mesa co Goberno central, presidida polo Ministerio de Industria e lembrou as palabras do presidente Rueda: "Temos que traballar todas as administracións da man".

Confirmou que a reunión se convocará este mes de xaneiro e, pendentes de que se fixe unha data: "Pedímoslles que a empresa veña cunhas peticións completas, porque tampouco está definido que apoio quere das administracións". Instou a Alcoa a que explique claramente que calendario de actuacións ten e, no caso de que a empresa desexe marchar da Mariña, se dará lugar a un proceso de venda.

Neste sentido, a conselleira lembrou: "Nós apoiaremos, no Igape, para atopar compradores, como fixemos con outras empresas, como Fandicosta, Maderas Iglesias e tantas e tantas. Temos que loitar con todas as nosas forzas para que non se desmantele esa fábrica da Mariña", da que dixo que dependen non só a economía e o emprego da comarca, senón as de Galicia e de España.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade