Lorenzana: "Son uns orzamentos versados na axuda financeira ás empresas e na redución da burocracia administrativa"
Lorenzana: "Son uns orzamentos versados na axuda financeira ás empresas e na redución da burocracia administrativa"
Lorenzana: "Son uns orzamentos versados na axuda financeira ás empresas e na redución da burocracia administrativa"
O proxecto de orzamentos da Xunta recolle unha partida de 435 millóns de euros que, segundo a conselleira, supón un incremento do 5 %
Destaca Lorenzana que o desenvolvemento das renovables en Galicia estase a facer de xeito compatible co territorio
A conselleira de Economía, Industria e Innovación da Xunta, María Jesús Lorenzana, salienta que o seu departamento contará o ano que vén cunha partida de 435 millóns de euros dos orzamentos da Xunta, o que supón, di Lorenzana, un incremento do 5 %.
Uns cartos que, segundo Lorenzana, están "moi versados na axuda financeira ás empresas, na innovación e en afondar na redución da burocracia administrativa".
Explica que se destinarán uns seis millóns de euros ao plan de aceleración industrial e na oficina económica única para Galicia, co obxectivo de reducir a burocracia administrativa das empresas. "Cando un empresario pensa nunha ampliación ou na creación dunha empresa é fundamental darlle seguridade xurídica e que saiba os prazos. Garantimos que nun ano a tramitación administrativa estea resolta e o proxecto industrial poida comezar coa súa construción", apunta. Destaca que é unha cuestión "chave" á hora de competir con outros territorios, caso de Portugal.
Por outra banda, destaca os case 100 millóns de euros en préstamos ás empresas e ao novo fondo de capital público-privado dotado con 300 millóns de euros para atraer proxectos industriais. Explicou que un dos requisitos do fondo é apostar por proxectos con sede en Galicia e asegura que a nosa comunidade é a primeira en contar cun mecanismo destas características. "Estamos a falar de atraer investimento, diñeiro de fóra de Galicia e que aposte por proxectos aquí. É o requisito do fondo e sempre falando de proxectos de sostibilidade, de dixitalización..., proxectos desta era da modernización da industria e cumprindo con obxectivos de descarbonización e da economía circular", di.
Apunta que neste momento hai proxectos industriais que se axustan aos requisitos dese fondo pero evitou concretar cales se podería beneficiar.
Comparte Lorenzana a preocupación da patronal eólica pola paralización, por parte da xustiza, dalgúns proxectos de parques. Defende que "o abaratamento da enerxía é a chave para que o desenvolvemento industrial de Galicia se poida levar a cabo e que as industrias non acaben por se deslocalizar e desmantelar. A vía para ter uns prezos da electricidade competitivos pasa por seguir afondando nas renovables".
Destaca que "o desenvolvemento das renovables en Galicia estase a facer de xeito compatible co territorio. Explica que en Galicia os requisitos están "por riba dos que pon o ministerio nos parques eólicos que autoriza". Ademais engadiu que son proxectos chave para que se poida manter o nivel de emprego e para que poida ter un desenvolvemento industrial axeitado ás posibilidades que "son moitas a día de hoxe".
Confía en que o Tribunal Supremo se pronuncie de xeito favorable a finais de ano sobre a suspensión de parques e defende o traballo da administración galega á hora de elaborar as declaracións de impacto ambiental.
Lorenzana explicou que se reuniu nas últimas horas co comité de empresa de Maderas Fiber, que está en concurso de acredores, situación que pode derivar no despedimento do cento de traballadores do cadro de persoal. Explicou a conselleira que unha das vías que están sobre a mesa é que a antiga propietaria, Faurecia, que é o principal cliente, volva comprar Maderas Fiber e manteña o emprego da totalidade de traballadores. Unha proposta á que, dixo, non renuncia a Xunta.