Marta Lois lamenta que as bases de Podemos rexeitaran a coalición en Galicia
Marta Lois lamenta que as bases de Podemos rexeitaran a coalición en Galicia
A candidata de Sumar Galicia á Xunta considera "decepcionante" a mensaxe de fin de ano de Alfonso Rueda
A candidata de Sumar Galicia á Xunta, Marta Lois, lamentou a que as bases de Podemos en Galicia rexeitaran ir en coalición coa súa formación e Esquerda Unida, pero amosouse convencida de que serán o "voto decisivo" nas eleccións autonómicas do 18 de febreiro.
"Lamentamos a decisión, pero en calquera caso Sumar Galicia leva traballando moito tempo, miramos para o futuro, hai unha maioría progresista no noso país -Galicia- que quere cambio, hai unha oportunidade histórica e o voto de Sumar vai ser decisivo para ese cambio", afirmou á prensa este domingo.
A aínda portavoz de Sumar no Congreso cualificou de "decepcionante" o discurso de fin de ano do presidente da Xunta e candidato do PPdeG, Alfonso Rueda.
"Claramente adquiriu un ton electoral, de propaganda política. Non lle falou á Galicia real, aos galegos preocupados por cousas como pagar o prezo do alugueiro, as hipotecas, as urxencias saturadas ou o persoal sanitario que non dá abasto", explicou.
Lois asegurou que Alberto Núñez Feijóo "é o xefe de Rueda" e considerou a este "o delegado das políticas regresivas do PP estes últimos 14 anos" en Galicia.
Así mesmo, amosouse "convencida" de que "se os galegos progresistas, que somos maioría no país, nos mobilizamos como o 23 de xullo, este vai ser o último discurso de fin de ano de Rueda".
"Galicia aposta e quere gañar unha etapa nova, hai unha oportunidade histórica para facelo e estamos convencidos de que Sumar é ese voto decisivo que pode cambiar e abrir un tempo novo para o país. Fixémolo no Goberno do Estado co de coalición e estamos convencidos de que hai unha maioría progresista en Galicia e que, se se mobiliza, o 18 de febreiro teremos un cambio", insistiu.