Meghan Markle non irá á coroación do seu sogro Carlos de Inglaterra
Meghan Markle non irá á coroación do seu sogro Carlos de Inglaterra
"A duquesa de Sussex quedará en California co príncipe Archie e a princesa Lilibet", comunicou o Palacio de Buckingham
O príncipe Henrique asistirá o próximo 6 de maio á coroación oficial do seu pai, o rei Carlos III, mentres que a súa esposa Meghan, duquesa de Sussex, permanecerá nos Estados Unidos, informou este mércores o Palacio de Buckingham.
Un voceiro da residencia oficial na capital británica do monarca declarouse nun comunicado "compracido de confirmar que o duque de Sussex asistirá á cerimonia de coroación" na Abadía de Westminster.
"A duquesa de Sussex quedará en California co príncipe Archie e a princesa Lilibet", agrega a nota do palacio.
Difícil relación coa familia real
A relación de Henrique co resto da familia real británica viuse enturbada nos últimos meses pola publicación do libro de memorias do príncipe, Spare, no que acusa outros membros da Casa Real de entregar á prensa información prexudicial sobre el e a súa esposa.
A cita de maio será a primeira ocasión en que o príncipe se reunirá co resto da súa familia desde a publicación do libro, que afonda nas tensións internas entre os membros da monarquía.
A coroación de Carlos III, que asumiu o trono o pasado setembro ao morrer a súa nai Isabel II, reunirá en Londres máis de 2.000 representantes de numerosos países.
Tras un servizo relixioso que comezará ás 11:00 hora local, o soberano e a raíña Camila protagonizarán unha procesión polo centro de Londres acompañados por centos de membros das forzas armadas británicas.