Mellora a situación no mar, coa costa da Coruña aínda en aviso laranxa
Mellora a situación no mar, coa costa da Coruña aínda en aviso laranxa
O aviso laranxa por ondas e mar combinado estará activo ata as 15 horas na Coruña
O temporal marítimo aínda non amainou na costa da Coruña, cun aviso laranxa activo ata as tres da tarde. Anunciaban perigo por ondas de máis de cinco metros, e acertaron.
"Nunca vin tanto mar coma hoxe", comentaba un mariñeiro xubilado no porto de Muxía. "Hai ondas de seis metros, non está isto para xogar", dicía outro. Así as cousas, a frota volveu quedar amarrada. Din que poucos días puideron pescar nesta primavera.
Pero o peor xa pasou, e vén mellor prognóstico para os próximos días. En terra tamén amainou o vento, así que a situación vai mellorando. Con todo, dende Protección Civil de Muxía recomendan precaución na costa.
"A xente vén para sacar as fotos ao carón co mar de fondo, pero é un perigo bastante grande", di o coordinador do servizo, Ramón Pérez.
Segundo Meteogalicia, quedamos agora nunha situación intermedia, con chuvia feble e ocasionais, á espera da chegada do anticiclón o domingo.