Publicador de contidos
Publicador de contidos

MiCA, a nova regulación europea para os criptoactivos, por María Cadaval

MiCA, a nova regulación europea para os criptoactivos, por María Cadaval

Agora o tratamento fiscal das criptomoedas é o mesmo ca o de calquera outro activo

O MiCA non entrará en vigor ata ben entrado o 2024 e estará totalmente vixente en 2025

G24.gal 21/04/2023 07:51

O Plan Anual de Control Tributario e Aduaneiro de 2023 que publicou a Axencia Tributaria establece que situará a lupa da inspección nos criptoactivos, rehabilitación de inmobles e falsas residencias como potencias obxectivos de fraude fiscal para combater. 

Se nos detemos nos criptoactivos, tamén chamados criptomoedas, como pode ser o Bitcoin e todos aqueles baseados na tecnoloxía blockchain, entre eles Ethereum, Dash, Degocoin, etc., estes están suxeitos a gravame en España, aínda que, de momento, non existe unha regulación específica para eles, mais chegará no 2024, unha vez que o Parlamento Europeo aprobe o regulamento MiCA, que pretende regular os criptoactivos en todos os países membros.

Mentres tanto, aquelas persoas contribuíntes que estean a realizar a declaración do IRPF correspondente ao 2022 deben saber que se grava tanto o rendemento (positivo ou negativo) que se obteña da transacción dos criptoactivos como tamén o traballo de minería á hora de producilos.

O tratamento fiscal das criptomoedas é o mesmo que o de calquera outro activo, como pode ser, por exemplo, unhas accións, que tributan no momento en que se venden como ganancia ou perda patrimonial derivadas de transmisións doutros elementos patrimoniais, cunha tarifa ascendente que oscila entre o 19 % para rendementos por debaixo dos 6.000 euros, e escala ata o 26 % para os que superan os 200.000 euros (19 % e 28 % en 2023). No caso de que a venda se realizase a perdas, pódese compensar ata o 25 % do seu valor durante catro anos.

Este exercicio, o modelo de declaración do IRPF conta cun recadro específico, o 1626, para declarar os rendementos das chamadas moedas virtuais. Tributará tamén no Imposto Sobre o Patrimonio o mero feito de telas, sempre e cando a persoa estea obrigada a tributar neste imposto. Se é unha empresa quen gaña coa transacción, debe declarar a ganancia no Imposto de Sociedades, ao tipo xeral do 25 %.

Cando en vez de facer transacción coas criptomoedas o que se fai é minar, é dicir, producir este tipo de activos, considérase unha actividade económica pola que hai que tributar, aínda que de momento non está suxeita a IVE.

Isto sucede no ámbito tributario, en que a Axencia Tributaria ten os criterios claros, mais non están tan claros outro tipo de aspectos que son tan importantes ou mais que a tributación. Tras catro anos de análise e dous de formulación lexislativa e varias votacións, o Parlamento Europeo aprobou o xoves a nova regulación para os mercados de criptoactivos, o chamado regulamento MiCA, que son as siglas en inglés de Markets in Crypto Assets. A directiva quere harmonizar a lexislación de todos os países membros, que dende o ano 2008 levan dando respostas diferentes ás moedas dixitais. 

En primeiro lugar, o marco regulador europeo busca introducir transparencia na emisión, oferta e negociación dos criptoactivos para evitar que as empresas que operen na UE repitan prácticas que levaron a algúns operadores de criptoactivos ao colapso e, de paso, que a tributación sexa un feito en todos os Estados.

Regúlase tamén a publicidade e a promoción, para que os compradores non se leven a engano. Unha terceira pata inclúe protección para os consumidores, cun plan de reembolso en caso de dificultades, de modo que se garanta aos titulares de criptoactivos o troco en moedas equivalentes.

O MiCA non entrará en vigor ata ben entrado o 2024 e estará totalmente vixente en 2025, coa supervisión da Autoridade Bancaria Europea e a Autoridade Europea de Valores e Mercados, que poderán actuar se detectan perigos nos provedores de criptoservizos.

Mais a Comisión Nacional do Mercado de Valores advirte de que a nova regulación axudará a mitigar os riscos, mais non os elimina, co que as persoas que decidan “xogar” aos criptoactivos deben ser conscientes de que o risco é elevado e seguirá existindo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade