Publicador de contidos
Publicador de contidos

Microsoft estima que o erro de Crowdstrike afectou a 8,5 millóns de dispositivos

Microsoft estima que o erro de Crowdstrike afectou a 8,5 millóns de dispositivos

O xigante tecnolóxico avoga pola "colaboración" do sector para evitar e resolver rápido casos similares

Un negocio en Camberra (Australia) pechado polo erro informático. Lukas Coch via REUTERS Un negocio en Camberra (Australia) pechado polo erro informático. Lukas Coch via REUTERS
G24.gal 21/07/2024 08:20 Última actualización 21/07/2024 08:51

O xigante tecnolóxico Microsoft estima que o erro da empresa de ciberseguridade Crowdstrike afectou a 8,5 millóns de dispositivos co sistema operativo Windows e avogou pola "colaboración" do sector para evitar e resolver rápido casos similares.

Un erro nunha actualización dun software de CrowdStrike para Windows 10 deixou equipos de todo o mundo atrancados na chamada "pantalla azul da morte", segundo explica en X George Kurtz, director xeral da empresa, dando lugar ao "maior apagamento informático" da historia.

O vicepresidente de seguridade de sistemas operativos e empresas de Microsoft, David Weston, asegura no blog corporativo que os 8,5 millóns de dispositivos Windows afectados supoñen "menos do 1 % de todas as máquinas Windows" pero pon de relevo as graves consecuencias.

"Aínda que a porcentaxe é pequena, os amplos impactos económicos e sociais reflicten o uso de Crowdstrike por empresas que xestionan moitos servizos críticos".

Nese sentido, considera o "apagamento" un "recordatorio" da importancia de que as tecnolóxicas prioricen o uso de mecanismos de seguridade e de "recuperación de desastres" nas súas operacións, e que traballen xuntas.

"Como vimos nos dous últimos días, aprendemos, recuperámonos e avanzamos máis efectivamente cando colaboramos e traballamos xuntos. Apreciamos a cooperación e colaboración do noso sector enteiro e seguiremos actualizando con aprendizaxes e os seguintes pasos".

Westont explica que, dado o impacto do fallo de Crowdstrike, Microsoft estivo colaborando con esa firma e cos seus rivais do sector da nube híbrida, Google e Amazon, para resolvelo, ademais de poñer á disposición da clientela centos de empregados para ofrecer axuda técnica.

"Crowdstrike axudounos a desenvolver unha solución escalable que axudará á infraestrutura de Microsoft Azure (sistema da nube) a acelerar un arranxo para a actualización defectuosa", agregou.

O incidente, ocorrido tras o lanzamento da actualización informática o 18 de xullo, afectou a usuarios e empresas de sectores esenciais en todo o mundo, como a banca, a aeronáutica, os medios de comunicación ou a saúde, que seguen recuperándose.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade