Fernández Lores: "A proposta do BNG é apoiar un goberno progresista"

O alcalde de Pontevedra di que o posicionamento de Movemento Arredista, contrario a apoiar a investidura de Pedro Sánchez, non é o maioritaria no BNG 

Lores ve receptividade da Xunta para que o Hospital Provincial e a Casa do Mar se destinen a usos sanitarios ou sociosanitarios

G24.gal 26/10/2023 10:16

O alcalde de Pontevedra, o nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores, asegura que o posicionamento de Movemento Arredista, contrario a apoiar a investidura de Pedro Sánchez polos incumprimentos do PSOE do acordo asinado co BNG en 2020, non é "maioritario" dentro da fronte. 

Lores di que a proposta do BNG é a de "apoiar un goberno progresista que nos permita seguir conseguindo cousas tan importantes como seguir abaratando peaxes da autoestrada, facer o traspaso da AP-9 a Galicia, seguir avanzando na mellora da infraestruturas viarias e de tren e nas políticas sociais que melloren a vida da xente. Descoñezo ese posicionamento, pero, en todo caso, é un posicionamento que non é maioritario no BNG".

Admite Lores que o PSOE non cumpriu con todos os compromisos, pero sostén que desta volta esixirán que sexan unha realidade. 

No tocante a cuestións de actualidade local, o rexedor de Pontevedra valoraba a reunión que mantivo nos últimos días co presidente da Xunta, con Alfonso Rueda. Lores explicou que lle trasladou algún dos proxectos que barallan para o hospital provincial e a casa do mar, unha vez que as instalacións queden sen uso coa ampliación do hospital Montecelo. O rexedor di que "o Hospital Provincial debería seguir tendo un uso sanitario e sociosanitario" para atender os doentes crónicos. Apunta que "cada vez a poboación está máis avellentada, precísanse coidados para os doentes crónicos. A media de idade dos ingresos está por riba dos 85 anos e é necesario buscar unha alternativa para que eses pacientes teñan asistencia sanitaria con profesionais que os poidan atender". 

Lores destacou tamén que o presidente da Xunta lle trasladou que en breve se iniciarán os trámites para ampliar o polígono industrial do Campiño. Unha ampliación que, segundo o rexedor, urxe polo incremento da demanda de solo industrial.

O rexedor de Pontevedra poñía deberes á Xunta no tocante á vivenda. Defende as medidas adoptadas polo Goberno local para a autorización dos pisos turísticos e di que "ese tipo de vivendas son necesarias pero hai que racionalizalas, organizalas e legalizalas. Nós non queremos vivendas turísticas que xeren problemas onde hai vivenda habitual por iso resolvemos que ocupen baixos, primeiros andares ou edificios baleiros". 

Insta a Xunta a que se teña en conta os criterios municipais e denuncia que "hai vivendas que están recollidas nalgunhas plataformas autorizadas pola Xunta que non teñen autorización municipal".  

Apunta que hai demanda de vivenda en Pontevedra e reclama á Xunta máis vivenda social. Explicou que o concello ten terreos dispoñibles "para cando a Xunta, que ten a competencia, queira acometer vivenda social". 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade