Miguel Corgos: "É unha deslealdade institucional que o Goberno se dedique a contraprogramar as medidas fiscais"
Miguel Corgos: "É unha deslealdade institucional que o Goberno se dedique a contraprogramar as medidas fiscais"
Miguel Corgos: "É unha deslealdade institucional que o Goberno se dedique a contraprogramar as medidas fiscais"
O Consello da Xunta vai aprobar os orzamentos para 2023 a semana que vén, anuncia o conselleiro de Facenda
O plan fiscal de Galicia "baséase en establecer un territorio de tributación moderada, baixando os impostos sempre que puidemos", di Corgo
O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos López-Prado, estivo esta mañá na entrevista do 'Bos días' para falar de fiscalidade dos orzamentos e da economía dos galegos, entre outros asuntos de interese do seu departamento.
Miguel Corgos comeza falando do plan fiscal que ten a Xunta para Galicia. Di que é un "plan concreto, que leva máis e dez anos aplicándose, non estamos improvisando nada, que se basea en establecer un territorio de tributación moderada, baixando os impostos sempre que puidemos, pero sen descoidar a calidade dos servizos públicos que presta a comunidade autónoma e preservando sempre a sostibilidade das finanzas públicas, coidando a débeda pública".
Salienta o conselleiro de Facenda que este plan que se van mantendo ao longo dos anos lles permite ser unha das comunidades que ten "menos débeda pública e pagar axiña aos provedores".
A Xunta elevará do 25 ao 50 % a bonificación no imposto de patrimonio o vindeiro ano
Para estes presupostos xa se adiantaron moitas das rebaixas fiscais que se van aplicar, no discurso de investidura do presidente Rueda, como elevar do 25 ao 50 % a bonificación no imposto de patrimonio o vindeiro ano. Esta medida beneficiará uns 7.700 galegos, segundo as cifras que manexa a Axencia Tributaria. En 2023, a Xunta aprobará a cuarta rebaixa do IRPF en nove anos.
"Hai un conxunto de medidas que van polo alivio fiscal, neste contexto de incremento de prezos para as rendas medias e baixas galegas, que pasa pola rebaixa do IRPF. Por outra parte hai outra serie de medidas para aumentar a eficiencia do sistema fiscal galego, a competitividade, a dinamización da nosa economía".
Salienta o conselleiro de Facenda que os plans a curto prazo e andar cambiando é "unha práctica que xera inseguridade xurídica para os contribuíntes e para as empresas e neste contexto de incerteza non é a máis acaída sen dúbida".
"É unha mágoa e unha deslealdade institucional que o Goberno de España se dedique a contraprogramar as medidas fiscais"
Sobre o recurso perante o Constitucional que a comunidade de Madrid por invasión de competencias contra o imposto de patrimonio do Goberno central, o conselleiro de Facenda di:
"Non sei se hai invasión de competencias, pero é unha mágoa e unha deslealdade institucional que o Goberno de España se dedique a contraprogramar as medidas fiscais que están a tomar as comunidades autónomas dentro das súas competencias. Debemos lembrar que a potestade orixinaria para establecer eses tributos é da Administración Xeral do Estado, o imposto de patrimonio é unha lei estatal e nas súas mans estivo mudar o imposto e non manter un imposto obsoleto que o único que está a facer é xerar iniquidades no sistema tributario español".
Sobre os resultados desa "senda fiscal propia", salientou as rebaixas fiscais e deflatación dos primeiros tres treitos do IRPF , ata os 35.000 euros, con efecto retroactivo ao 1 de xaneiro de 2022 "para compensar esta subida de prezos tan importante que se leva dando ao longo de todo o ano". En total vai supoñer un aforro de "44 millóns de euros" para todos os galegos", salienta o conselleiro de Facenda.
O Consello da Xunta vai aprobar os orzamentos para 2023 a semana que vén
O teito de gasto dos orzamentos da Xunta de Galicia para o 2023 ascende a 12.600 millóns de euros, un 8,2 % máis ca en 2022. Estes orzamentos serán aprobados no "Consello da Xunta a principios da semana que vén e o día 20 entran no Parlamento de Galicia para o seu debate e aprobación", anuncia o conselleiro de Facenda.
"Son uns orzamentos que están moi mediatizados pola conxuntura económica, polo incremento de prezos tan importante que estamos a vivir, que se reflexa nas rebaixas fiscais, tamén haberá medidas moi potentes de incentivos ao aforro e a eficiencia enerxética".
"O delegado do Goberno tivo que vir á TVG facer un papelón"
Esta mesma semana estivo no 'Bos días' o delegado do Goberno en Galicia. José Miñones salientou que os orzamentos do Estado eran moi importantes para Galicia e que se se tiña en conta do gasto en defensa, que nos do ano pasado estaba incluído, o investimento medrara un 14 %.
O conselleiro de Facendo dixo sobre estas afirmacións que o "delegado do Goberno tivo que vir á TVG a facer un papelón".
"Vir dicir que os orzamentos son moi importantes para Galicia porque se actualizan as retribucións dos funcionarios e dos pensionistas e nada máis e non ser capaz de recoller ningún investimento importante para Galicia é bastante pobre".
O conselleiro de Facenda explica que "o peso dos orzamentos do Estado para Galicia baixa do 8,3 ao 8 % e nin sequera se recollen obras tan importantes como a reparación da autovía A-6, que é vital para a entrada e saída de mercadorías".