Miguel Corgos: "As novas medidas de política social están para quedar"
Miguel Corgos: "As novas medidas de política social están para quedar"
O conselleiro de Facenda anuncia que solicitarán a convocatoria da comisión de fondos de recuperación Goberno-comunidades ante a falta de "rendición de contas"
O conselleiro posterga o debate sobre as 35 horas semanais do funcionariado ao asentamento das novas medidas laborais acordadas
O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, confirma na Radio Galega que as novas medidas de política social incluídas nos Orzamentos da Xunta para 2024 teñen vocación de permanencia e son "consolidables".
Nunha entrevista no Galicia por diante fin de semana, Corgos alude ao bono coidado universal, dotado con 5.000 euros anuais para dependentes atendidos no seu fogar ou de 1.200 para persoas atendidas en residencias.
Segundo dixo, son medidas que "non se poden andar improvisando" e que se consolidan "mentres se precise". Engade o conselleiro que "se vemos que temos que modular o servizo para melloralo ou vemos que non funciona, adaptaríase pero é algo que está aí para quedar".
"As medidas en materia de política social non se poden andar improvisando, poñendo unha medida un ano e quitándoa ao ano seguinte. É unha medida consolidable. Unha vez que se establece este servizo de coidador está aí mentres o precise a persoa destinataria deste servizo de dependencia".
Respecto ao conxunto dos Orzamentos da Xunta para 2024, que xa están no Parlamento para a súa tramitación e aprobación definitiva, Corgos asegura que se fixo fincapé "no gasto social e no apoio aos máis vulnerables", así como "no desenvolvemento e a modernización dos servizos públicos, que son as nosas competencias".
Dito isto, concretou que "Sanidade, Educación e Política Social e logo, a outra gran póla nos Orzamentos, é a dinamización económica" son os grandes eixos vertebradores das contas.
"Nestes intres de incerteza coa economía, queremos tratar de fomentar a actividade económica, fomentar os investimentos, seguir avanzando na transición dixital e enerxética das empresas para que aumenten os investimentos, aumente o crecemento e a capacidade de medrar no futuro", engadiu.
O conselleiro de Facenda asegura que "non se tocarían as partidas de orzamento" se finalmente hai variacións nas entregas a conta do Goberno central a Galicia estimadas pola Xunta para facer os orzamentos autonómicos, xa que de momento -ao non haber Orzamentos Xerais do Estado- carecen dunha cifra concreta. Corgos limita os seus efectos a un "problema de tesourería".
Ante as críticas da oposición a estes Orzamentos, que tachan de falta de ambición e carentes de propostas, Corgos responde destacando as contradicións que atopa nas diatribas.
"Acúsannos de realizar orzamentos electoralistas, pero, por outra banda, indican que son moi cativos, e que deberían medrar máis. Non sei, ou arre ou xo. Ou son electoralistas ou son cativos pero non as dúas cousas á vez", conclúe.
Sobre a negociación arredor das 35 horas semanais do funcionariado galego, o conselleiro postergou o debate a que se asenten as medidas sociolaborais acordadas recentemente e incluídas nos Orzamentos de 2024.
Segundo dixo, "é un tema que está pendente de desenvolver. Temos que tratalo nas vindeiras datas pero non están os orzamentos afectados por esta medida". Explicou que "primeiro temos que asentar todas as medidas -que foron moitas- acordadas cos axentes sociais este ano" e logo "podemos pensar en avanzar noutros ámbitos".
Fondos europeos de recuperación
O conselleiro tamén anunciou na entrevista que lle solicitará ao Goberno a convocatoria da comisión de seguimento Goberno-comunidades dos fondos europeos de recuperación.
Corgos lamenta que as comunidades non foran consultadas antes de que a Comisión Europea autorizara a segunda fase do Plan de recuperación remitida pola Moncloa. Corgos tacha de escurantista a xestión do Executivo central destes fondos.
"Remitireime de novo ao Goberno para solicitarlles que se convoque algunha reunión desta comisión de fondos para explicar cal vai ser o futuro, a situación actual a día de hoxe. Eu sei como vai Galicia executando, pero non sei como van os fondos en xeral, os demais, nin como se están executando os fondos de xeito global na miña comunidade e gustaríame sabelo".