Publicador de contidos
Publicador de contidos

Miguel Corgos, conselleiro de Facenda: "É preciso prorrogar moitas medidas para axudar á baixa de prezos"

Miguel Corgos, conselleiro de Facenda: "É preciso prorrogar moitas medidas para axudar á baixa de prezos"

O conselleiro de Facenda expresa a súa sorpresa pola "indefinición" do Goberno ante a posible prórroga ou retirada destas medidas

Corgos di que para Galicia o importante "non é a quitación da débeda senón a revisión do sistema de financiamento"

G24.gal 17/12/2023 08:24 Última actualización 17/12/2023 12:03

O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, aposta na Radio Galega por "prorrogar moitas das medidas para axudar a baixar prezos". Nunha entrevista no Galicia por diante fin de semana, Corgos apunta ademais iniciativas como a rebaixa do IVE para carnes e peixe. O conselleiro galego de Facenda expresa tamén a súa sorpresa pola "indefinición" do Goberno sobre este tema.

Segundo explicou, "dous de cada tres euros de rebaixas tributarias para loitar contra a suba dos prezos -tanto na enerxía, coma nos combustibles, coma nos alimentos- saen das arcas autonómicas. Saen da participación das comunidades autónomas no IVE e nos impostos especiais. Por exemplo este ano van ser máis ou menos 320 millóns de euros. Esa contía non está detraída da proposta de ingresos que nos fixo a ministra o outro día".

A continuación admite Corgos que "esta indefinición do Goberno e mesmo esta non inclusión nos desconcertou certamente bastante porque o que quere dicir é que ou non as vai tomar -en contra do que dixo o presidente Sánchez- ou que ao día seguinte van reformar as entregas a conta remitidas ás comunidades autónomas".

En todo caso, Corgos dixo que a Galicia "non nos afecta" porque non se tiveron en conta pero conclúe que "é sorprendente esta indefinición".

"A día de hoxe si que é preciso prorrogar moitas das medidas para axudar á baixa dos prezos, evidentemente de determinados alimentos. Acabamos de ver os datos de inflación e non terminan de baixar"

Condonación da débeda e sistema de financiamento

O conselleiro de Facenda tamén expresou a súa preocupación polos acordos acadados entre PSOE e os independentistas catalás no marco do pacto de investidura de Pedro Sánchez. Segundo dixo, "é algo preocupante, primeiro porque rompe un pouco a dinámica multilateral de todas as comunidades autónomas" e logo "porque os intereses aos que se debe este Goberno non son precisamente os máis primordiais para a nosa comunidade autónoma".

Corgos sostén que para Galicia "non é a quitación da débeda, senón que é a revisión do sistema de financiamento". O conselleiro de Facenda tamén explicou que, na reunión do Consello de Política Fiscal e Financeira, e ante unha eventual extensión da quita de débeda a todas as comunidades na liña do pactado para Cataluña, lle dixo á ministra de Facenda que de non facelo así "ese pacto sería inconstitucional porque vulneraría o principio de igualdade que consagra a Constitución e os principios fundamentais da lei orgánica do financiamento das comunidades".

Con todo, Corgos expresou as súas dúbidas de que o Goberno saiba como acometer esa extensión. 

"Non queremos ser máis que ninguén pero tampouco menos e non o imos permitir. E o mesmo vai pasar cando por fin se transparente cal é o sistema que ten na cabeza ou que acordou teoricamente a ministra para compensar as comunidades autónomas, que moito temo que non está definido".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade