Publicador de contidos

Publicador de contidos

Miguel Santalices: "Somos un Parlamento case modélico, debátese con respecto"

Miguel Santalices: "Somos un Parlamento case modélico, debátese con respecto"

O presidente  do Parlamento de Galicia amósase partidario de ampliar as competencias dentro do sentido común

Miguel Santalices defende que se financien as comunidades de acordo cos dereitos dos cidadáns

O responsable da Cámara galega pídelles ás forzas políticas que remen na mesma dirección para potenciar o galego

Miguel Santalices, presidente do Parlamento de Galicia
G24.gal 01/03/2025 20:26

Miguel Ángel Santalices afirma que neste primeiro ano da lexislatura, a terceira como presidente, "debateuse en profundidade sobre os temas polos que máis se preocupan os cidadáns, como a vivenda ou a falta de médicos".

Na entrevista dos domingos da Radio Galega, o presidente do Parlamento de Galicia subliñou que foi "un ano intenso no que se fixo moito traballo parlamentario".  En concreto, destacou a aprobación dos presupostos para 2025, algo fundamental, segundo explicou, para que unha comunidade poida desenvolverse. Fíxose, engadiu, sen excesivo ruído nin estridencias.

"Somos un Parlamento case modélico, debátese en profundidade, pero penso que dun xeito respectuoso".

Santalices lamentou o bloqueo no Congreso dos Deputados para debater o traspaso á Xunta da xestión da autoestrada AP-9.

"Como presidente do Parlamento dóeme moito que se consiga unidade (en Galicia) e que despois non se acorde debatelo no Congreso. Desvaloriza o tráballo que se fai nos parlamentos autonómicos e xera desazo".

Miguel Santalices  afirma ser "profundamente autonomista" e amósase partidario de que se amplíen as competencias, pero, matiza, "dentro do sentido común". O titular da Cámara galega aposta porque se aborden as competencias que se consideren necesarias, pero sempre "que teñamos suficiente autonomía para xestionalas".

Financiamento autonómico

O presidente do Parlamento de Galicia non é partidario da quitación da débeda porque "non se reflicte nunha  liquidez que vaia para as comunidades autónomas".

"Vannos dar  4 mil millóns? Hai que saír disparados, cruzar o Padornelo e collelos, pero o asunto parece que non é así"

Miguel  Santalices reclama que se financien as comunidades autónomas de acordo cos dereitos que teñen os cidadáns e non cos balances fiscais porque isto, sinala, "beneficiaría determinados territorios"

O galego

O presidente da cámara galega  afirma que lle gustaría que todas as forzas políticas chegasen a un consenso sobre o idioma  para preservalo.

"Cada vez que escoito falar do galego teño un sentimento de orgullo. O que me gustaría é que todos remásemos na mesma dirección porque é así como se pode preservar o idioma e non enfrontándonos entre nós".

Na entrevista dos domingos da Radio Galega Miguel Santalices contou que está preparando un libro de vivencias que empezou a escribir na pandemia.

"Durante a pandemia anotei anécdotas, como o día en que o presidente Fraga se mareou no Parlamento. Un libro que non se mete con ninguén e no que falo de situacións que marcaron moito a miña vida".

Santalices tamén se referiu ás obras de remodelación do pazo do Hórreo para facelo accesible. Segundo explicou, supuxeron un "cambio substancial" para as persoas en cadeira de rodas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade