Publicador de contidos
Publicador de contidos

Rifa entre Santalices e Paula Prado tras chamarlle Lara Méndez "ditador que ditaba" a Feijóo

Rifa entre Santalices e Paula Prado tras chamarlle Lara Méndez "ditador que ditaba" a Feijóo

O presidente do Parlamento ordenoulle á deputada socialista que retirara o termo, que empregara previamente a popular Celia Vázquez para referirse a Pedro Sánchez

Prado considera que Méndez atentou "contra o decoro" do seu grupo e encarouse con Santalices por non darlle a palabra no pleno

 

G24.gal 24/10/2024 10:50

O pleno do Parlamento de Galicia deste mércores rematou cunha acalorada rifa de varios minutos entre o presidente da Cámara, o popular Miguel Ángel Santalices, e a número dous do PPdeG, Paula Prado, tras chamarlle a deputada socialista Lara Méndez "ditador que ditaba" ao expresidente autonómico Alberto Núñez Feijóo.

Todo comezou nunha das últimas preguntas orais que realizou a parlamentaria Celia Vázquez (PP) ao conselleiro de Educación sobre unha posible proba de acceso á universidade común para toda España. Na súa intervención, Vázquez lamentou que a pesar dos esforzos da Xunta por conseguir un exame común en todo o Estado, o PSOE e o BNG sempre votaron en contra "atendendo ao ditado do que di o ditador".

Ante esta afirmación, a deputada socialista Paloma Castro solicitou que se retirase este termo por ir contra o "decoro ou a dignidade" do grupo parlamentario socialista, por chamar "ditador" a Pedro Sánchez.

Nese momento, o presidente do Parlamento considerou que o que Vázquez quixo dicir é "ditador de ditar", non de persoa autoritaria e a sesión seguiu adiante.

Pero, na última pregunta oral relacionada co Museo da Romanización de Lugo, a socialista Lara Méndez asegurou que se reuniu "co ditador que ditaba naquel momento, o señor Núñez Feijóo".

Miguel Santalices: "Son cousas do oficio"

Nese momento, a popular Paula Prado pediu a palabra aludindo tamén ao regulamento, ao entender que se atentou contra o "decoro" do seu grupo. Santalices dixo que isto xa estaba explicado con anterioridade e que as palabras de Méndez tomáballas como unha "perrencha" e deulle palabra á parlamentaria socialista para que retirase e explicase que quixo dicir.

Méndez indicou que, a pesar de que a popular non nomease a Sánchez, "todos saben" que ía por el, e dixo que só o retiraría as súas palabras se tamén o facía Celia Vázquez. Por todo iso, Santalices retirou el mesmo esta palabra, o que supuxo unha chamada á orde para Lara Méndez.

Prado acusou a Santalices de "non cumprir o regulamento", xa que ela solicitou a palabra e non se lle foi dada. Mesmo chegou a preguntarse se non a deixaba a falar por ser deputada do PP, xa que á socialista si a deixou falar. "Iso non llo cre nin o apuntador", dixo o popular Miguel Santalices.

Tras varios minutos de rifa, finalmente Santalices deu por "resolto" o asunto e por rematado o pleno.

Esta mañá, tras reunirse co conselleiro de Lingua, ao presidente do Parlamento preguntábanlle de novo por esta cuestión. Segundo el, o ocorrido son "cousas do oficio".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade