Publicador de contidos
Publicador de contidos

Milei anuncia 300 medidas do plan de axuste económico para A Arxentina

Milei anuncia 300 medidas do plan de axuste económico para A Arxentina

Un anuncio que provocou nas rúas de Bos Aires a primeira gran protesta contra o novo inquilino da Casa Rosada

O plan de choque inclúe a derrogación da lei de alugueiros e da lei de abastecemento
G24.gal 21/12/2023 08:11 Última actualización 21/12/2023 09:33

O presidente arxentino, Javier Milei, presentou máis de 300 medidas económicas para materializar o seu plan de axuste. Un anuncio que provocou nas rúas de Bos Aires a primeira gran protesta contra o novo inquilino da Casa Rosada. 

Xa avisara no seu discurso da toma de posesión: que non había alternativa ao axuste. "Non hai prata", dixera daquela.

Con esta máxima como bandeira, e unha semana despois de desvalorizar o peso arxentino, os axustes de Milei materialízanse agora nun megadecreto anunciado na televisión nacional con ata trescentas medidas, alcumadas de Necesidade e Urxencia. 

O plan de austeridade inclúe a derrogación da lei de alugueiros. Tamén se suprime a normativa que impide a privatización de empresas públicas. Poderanse facer operacións en dólares sen impedimento ningún. O decretazo tamén prevé a revogación da lei de abastecemento, que contempla sancións a empresas en casos de escaseza de determinados produtos, e a supresión da lei de góndolas, que obriga os supermercados a ofrecer un mínimo de produtos fabricados por pequenas empresas. Tamén se reforma o chamado Código Aduaneiro para facilitar o comercio internacional. Queda "prohibido prohibir" as exportacións. Permitirase que os clubs de fútbol se convertan en sociedades anónimas se o desexan. Tamén se autoriza a cesión total ou parcial do paquete accionarial de Aerolíneas Argentinas. 

Todas estas leis de choque estarán vixentes polo menos ata que o decreto sexa revisado polo Congreso, onde o grupo de Milei ten minoría. Será rexeitado se votan negativo as dúas cámaras. 

De momento, xa ten en contra decenas de miles de arxentinos, que o acusan de estafador por aprobar axustes contra os máis vulnerables e non contra a casta política, unha das súas promesas electorais. As medidas anunciadas onte son as primeiras, pero non serán as últimas. O novo Goberno xa ten preparado outro paquete de medidas que chama de emerxencia económica. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade