Publicador de contidos
Publicador de contidos

Milei acusa a Sánchez de covardía e di que non pedirá perdón

Milei acusa a Sánchez de covardía e di que non pedirá perdón

O presidente arxentino falou por primeira vez da crise diplomática con España nunha entrevista en televisión 

Acusa o presidente do Goberno español de usar un problema persoal para dinamitar a relación entre dous países 

G24.gal 21/05/2024 08:05 Última actualización 21/05/2024 09:12

Primeira entrevista do presidente arxentino tras a crise aberta con España despois de que chamase corrupta á muller de Sánchez e calaña ao presidente do Goberno. 

Milei non baixa o ton. Acusa a Sánchez de covarde e di que non pedirá desculpas porque o agredido é el. "Non lle vou pedir desculpas baixo ningún punto de vista... Se eu fun o agredido", indicou.

O mandatario arxentino asevera: "O presidente español é tan covarde que necesitou mandar mulleres a me pegar. É algo dunha covardía feroz", indicou en alusión a afirmacións feitas contra el pola vicepresidenta segunda do Goberno Yolanda Díaz e pola de Ciencia, Innovación e Universidades Diana Morant.

Cre Milei que Sánchez creou un conflito diplomático por un problema persoal e di que non vai romper as relacións con España. E de feito ten prevista outra visita o mes que vén.

Xa onte, nas súas redes sociais, Javier Milei situábase lonxe da desculpa esixida por España. Mentres, Sánchez cre que o presidente arxentino non estivo á altura coas súas declaracións no mitin de Vox. Di que os afectos entre os gobernos son opcionais, pero o respecto é irrenunciable. E insiste en que debe pedir desculpas ou se tomarán medidas máis duras. 

De momento retiraron a embaixadora española da Arxentina. E o ministro de Exteriores advertiu persoalmente ao embaixador de que, se non chegan as desculpas, haberá consecuencias, mesmo a ruptura das relacións diplomáticas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade