Moita prensa, poucos curiosos e unha protesta contra a impunidade
Moita prensa, poucos curiosos e unha protesta contra a impunidade
Continúa a visita privada de Xoán Carlos I en Sanxenxo
O ambiente en Sanxenxo é moito máis tranquilo ca este venres. Este sábado había máis prensa que curiosos, algún nostálxico da anterior monarquía e detractores do emérito. Quen máis valora a visita son os responsables dos establecementos de hostalería.
Un remuíño de xornalistas e dúas persoas de seguridade custodiaban a entrada á vivenda de Pedro Campos. Ás once menos cuarto o rei Xoán Carlos I abandonaba a vivenda co seu anfitrión de piloto. Dixo sucintamente atoparse ben e estar descansado.
O que máis revela a presenza de Xoán Carlos en Sanxenxo é a afluencia de xornalistas non habituais, aloxados no hotel de Nanín e no histórico Rotilio. Aquí agradecen a súa presenza en temporada baixa. Algúns habituais de Sanxenxo tamén van facer un esforzo por velo.
Tamén hai caras coñecidas da crónica rosa. A presenza do antigo xefe do estado tamén ten os seus detractores que se concentraron este sábado na Praza de Portugal da vila contra a impunidade e denunciando, segundo eles, a corrupción institucional.