Montero nega que o acordo fiscal con ERC para Cataluña sexa un concerto económico
Montero nega que o acordo fiscal con ERC para Cataluña sexa un concerto económico
"Non supón ningún agravio para o resto dos territorios", di a vicepresidenta
A vicepresidenta primeira, María Jesús Montero, negou que o acordo fiscal para Cataluña pactado con ERC sexa un concerto económico e convidou ás comunidades autónomas a "inspirarse" nese pacto para "poder explorar outras rutas e camiños" no sistema de financiamento autonómico.
A vicesecretaria de Igualdade, Saúde, Mocidade e Benestar Social do PP andaluz, Beatriz Jurado, acusouna, de ser "a ministra da mentira e a desigualdade dos españois", e pediulle que explique na súa visita a Andalucía "o acordo catalán que agora si ve con bos ollos".
Nunha conferencia de prensa con motivo dunha visita institucional ao Concello de Rota, en Cádiz, Montero explicou que o acordo asinado polos socialistas cataláns con ERC "non é un concerto económico nin unha reforma ao uso do sistema de financiamento autonómico" e ademais "non supón ningún agravio para o resto dos territorios".
Ademais, criticou as contradicións do PP en materia de financiamento autonómico e emprazouno a que, se presenta unha proposta, que sexa unha lei orgánica e non principios inspiradores do sistema co que "todos están de acordo".
ERC avisa o PSOE de que lle retirará o apoio parlamentario se incumpre os acordos
A voceira de ERC Raquel Sans advertiu este mércores de que o seu grupo retirará o apoio parlamentario ao PSOE se incumpre o pacto de investidura de Salvador Illa como presidente da Generalitat que inclúe un financiamento singular para Cataluña.
"Pode chamalle como queira, pero se non se cumpren estes acordos ERC terá que retirar calquera posible apoio ao PSOE", asegurou nunha mensaxe de audio distribuída polo partido.