Milleiros de persoas despiden a Arsenio na capela ardente de Riazor
Milleiros de persoas despiden a Arsenio na capela ardente de Riazor
A capela ardente estivo aberta ata o mediodía de hoxe
Arsenio morreu aos 92 anos. Levaba varios anos con problemas de saúde que se agravaron.
Morre Arsenio Iglesias, historia e lenda do Deportivo e do fútbol galego
O cadaleito de Arsenio chegou ao Estadio de Riazor sobre as 21:30. Milleiros de persoas agardaban desde as 17:00 horas para darlle o último adeus a quen adestrou durante décadas o Deportivo.
A capela ardente abriuse sobre as 21:45 e volveu abrir hoxe entre as 9:00 e as 12:00. Unha capela ardente que se instalou no acceso ao campo dos futbolistas, ese lugar que transitou tantas veces como xogador e como adestrador.
Arsenio Iglesias será enterrado despois no cemiterio do seu Arteixo natal sobre as 13:00 h na máis estrita intimidade.
O seu fillo, Pablo Iglesias, foi un dos que atendeu os micrófonos da Televisión de Galicia amosando a súa emoción:
"Pensas que estás preparado pero nunca estás preparado. Un pouco impresionado con todo isto".
"Meu pai sempre dixo que tampouco fixera tanto para recibir tanto, pero algo debeu de facer".
O Concello ofreceu o Salón de Plenos do Palacio de María Pita para a capela ardente, pero ao final decidiu que o lugar ideal era situala no estadio. O consistorio amosou o seu "fondo pesar polo falecemento de Arsenio Iglesias, lenda do Deportivo e fillo adoptivo da cidade Un referente para varias xeracións de coruñeses e coruñesas que sempre fixo seus os valores dunha cidade que o adora".
Pola capela ardente pasaron, xa pola noite, grandes personalidades do mundo do fútbol como Emilio Butragueño, director de relacións institucionais do Real Madrid, que tamén adestrou Arsenio, ou o presidente do Deportivo, Antonio Couceiro.
Tamén pasou polo velorio o presidente co que Arsenio Iglesias compartiu os mellores momentos á fronte do Deportivo, Augusto César Lendoiro.