Publicador de contidos
Publicador de contidos

Morre o escritor Cormac McCarthy aos 89 anos

Morre o escritor Cormac McCarthy aos 89 anos

Autor de Non é país para vellos, publicou ao longo da súa vida doce novelas, dúas obras de teatro, cinco guións e tres historias curtas

G24.gal 13/06/2023 22:53 Última actualización 13/06/2023 23:09

O escritor Cormac McCarthy, autor de novelas como A estrada ou Non é país para vellos, morreu este martes aos 89 anos, segundo confirmaron o seu fillo John e a editorial Penguin Random House.

John McCarthy dixo que o seu pai morreu por causas naturais no seu domicilio de Santa Fe (Novo México), nunhas declaracións publicadas pola xornalista Alexandra Alter do The New York Times.

McCarthy publicara hai pouco máis de seis meses dúas novelas, Stella Maris e O pasaxeiro, que se vendían xuntas, o que demostra que estivo en activo case ata o final dos seus días, aínda que a editorial xa fixo saber entón que non ía conceder ningunha entrevista nin participar en labores de promoción.

O diario The Washington Post define as súas novelas como "líricas e con frecuencia brutalmente violentas", que non aforraban escenas de salvaxismo nin de tenrura, todo iso nun afán de "explorar o lado escuro da alma humana".

Algúns críticos compararan o seu estilo ao de grandes clásicos americanos como William Faulkner ou Herman Melville.

Publicou ao longo da súa vida doce novelas, dúas obras de teatro, cinco guións e tres historias curtas; das novelas, as que máis prestixio lle deron foron Todos os fermosos cabalos (1992, Premio Nacional do Libro e Premio Nacional da Crítica) e A estrada (2006, Premio Pulitzer), que relata unha fuxida sen rumbo dun pai co seu fillo menor nun mundo postapocalíptico.

Con todo, foi talvez Non é país para vellos (2005) a que tivo máis resonancia grazas á adaptación cinematográfica dos irmáns Coen e á actuación nela do protagonista Javier Bardem, unha cinta que tamén foi recoñecida con catro Oscars.

McCarthy, que viviu en Eivissa (España) e en El Paso, falaba español e non era raro que inserise diálogos en español sen tradución nalgunhas das súas novelas; algúns críticos sinalaron que na prosa de McCarthy o español e o inglés se modulaban mutuamente e iso constituía un feito diferencial do seu estilo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade