Publicador de contidos
Publicador de contidos

Morre Benigno Moure, fundador e impulsor da Fundación San Rosendo, aos 92 anos

Morre Benigno Moure, fundador e impulsor da Fundación San Rosendo, aos 92 anos

O modelo de residencias San Rosendo, que fundou, contribuíu á transición desde o concepto de xeriátrico tradicional a residencias multiasistenciais

En 2011, Moure entrou en prisión logo de ser condenado por apropiación indebida do patrimonio dunha residente

Benigno Moure en 2017, no acto de celebración do 25 aniversario da Fundación San Rosendo (Arquivo TVG). Benigno Moure en 2017, no acto de celebración do 25 aniversario da Fundación San Rosendo (Arquivo TVG).
G24.gal 21/10/2024 10:34 Última actualización 21/10/2024 13:43

O sacerdote Benigno Moure Cortés faleceu esta madrugada de luns á idade de 92 anos, en Ourense. Ao longo da súa traxectoria na Diocese, Moure impulsou a creación da Fundación San Rosendo, da que foi presidente ata 2011, aínda que nos últimos anos permaneceu como presidente honorífico.

A Fundación San Rosendo, actualmente, dá cobertura a arredor de 4.000 prazas para maiores e emprega case 2.000 traballadores.

Segundo informou a Fundación, a capela ardente está instalada na Residencia Santa Marta e permanecerá aberta ata as 21:00 horas. Mentres que este martes, 22 de outubro, abrirá desde as 10:00 ata as 16:00 horas.

Así mesmo, o funeral celebrarase este martes a partir das 17:00 horas na Catedral de San Martiño de Ourense e o enterro na Arnoia, na intimidade familiar.

Traxectoria

Benigno Moure cursou os seus estudos de humanidades e filosofía no Seminario Diocesano de Ourense e completou a súa formación na Universidade Pontificia de Salamanca, onde se licenciou en Teoloxía.

O seu primeiro destino tras ordenarse sacerdote foi en Xinzo de Limia, "onde desempeñou tarefas de coadxutor por orde do bispo de Ourense", monseñor Ángel Temiño Saiz.

Algúns dos recoñecementos que recibiu esta figura ao longo da súa traxectoria foi a Medalla Castelao da Xunta de Galicia (1993), "polo seu labor social en beneficio de Galicia", a Medalla de Ouro e Fillo Predilecto do Concello da Arnoia (1995) ou a Medalla de Prata de Galicia, outorgada pola Xunta "en recoñecemento ao labor da Fundación San Rosendo", entre outros.

Por outra banda, tamén durante a súa traxectoria, o director da Fundación San Rosendo foi condenado a cinco anos de cárcere por un delito continuado de apropiación indebida da herdanza dunha anciá incapacitada que estaba ingresada nun dos centros xeriátricos da entidade que este presidía.

A pesar da sentenza xudicial firme, chegouse a convocar unha manifestación no ano 2011 para que Moure non ingresase en prisión, pero, finalmente, o cura si pasou polo cárcere, en concreto polo do Pereiro de Aguiar, durante dous meses.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar