Publicador de contidos
Publicador de contidos

Morre en Muxía o pintor ourensán Alexandro

Morre en Muxía o pintor ourensán Alexandro

O pintor deixou Ourense hai máis dunha década e residía en Muxía, un lugar que influíu nos últimos anos da súa obra, con máis presenza de cores azuis e motivos mariñeiros

Alejandro González Cruz, Alexandro, nacera en Ourense en 1945 Alejandro González Cruz, Alexandro, nacera en Ourense en 1945
G24.gal 08/10/2024 21:26

O pintor ourensán Alexandro faleceu este martes no municipio coruñés de Muxía, onde residía desde hai máis dunha década.

Nacido en Ourense en 1945, Alejandro González Cruz viviu durante a súa mocidade en Berlín e París e organizou as súas primeiras exposicións a principios dos anos 1970 en Santiago, Ourense ou Madrid.

Tras un paso por Barcelona a comezos dos 80, estableceuse en Galicia, desde onde, asentado no seu Ourense natal, continuou o desenvolvemento dunha carreira pictórica marcada polos grandes formatos de óleo nos que imprimía elementos extrapictóricos en po para darlle relevo.

Algunhas das súas obras forman parte dos fondos do Parlamento de Galicia, onde este martes o presidente do Lexislativo autonómico, Miguel Ángel Santalices, pechou a sesión plenaria cun recordo para Alexandro tras coñecer o seu deceso.

O pintor deixou Ourense hai máis dunha década para trasladarse á Costa da Morte. Residía en Muxía, un lugar que influíu nos últimos anos da súa obra, con máis presenza de cores azuis e motivos mariñeiros.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade