Publicador de contidos
Publicador de contidos

Falece, aos 76 anos, a actriz e presentadora Mayra Gómez Kemp

Falece, aos 76 anos, a actriz e presentadora Mayra Gómez Kemp

Hai uns días sufrira un accidente doméstico na casa polo que tivo que ser ingresada

Afastárase dos medios tras detectarlle no ano 2009 un cancro de lingua

A presentadora nunha gala no ano 2014
G24.gal 13/10/2024 13:27 Última actualización 13/10/2024 21:40

A actriz, cantante e presentadora Mayra Gómez Kemp faleceu en Madrid este domingo á idade de 76 anos, segundo informaron fontes familiares.

Gómez Kemp, nacida na Habana o 14 de febreiro de 1948, fíxose famosa durante os anos setenta cando presentaba o popular concurso de RTVE Un, dos, tres. Responda otra vez.

Hai uns días, Mayra Gómez Kemp sufriu un accidente doméstico na súa casa de Mijas (Málaga) polo que tivo que ser ingresada. Ela mesma confirmou que foi un "gran susto" xa que estivo máis de 18 horas no chan sen poder incorporarse ata que recibiu axuda. Agora recuperábase na casa.

A mítica presentadora do concurso de Chicho Ibáñez Serrador, que sentou ante o televisor a varias xeracións, afastouse dos medios tras detectarlle no 2009 un cancro de lingua e despois de garganta e pescozo. Tras afrontar a enfermidade, volveu aprender a falar.

Orixe cubana

Filla de Ramiro Gómez Kemp e Velia Martínez Febles, dous músicos cubanos de orixe española que tras o triunfo da Revolución marcharon do país, non regresou nunca á Illa.

Tras un longo periplo vivindo en diferentes países de América Latina e nos Estados Unidos, chegou a España no 1970 e tras un breve paso por Barcelona trasladouse a Madrid, onde fixo dobraxes en Radio Madrid (Cadea Ser).

Muller de ampla cultura, Gómez Kemp cursou estudos de Filosofía e Letras na Universidade de Tampa e de Xornalismo na de Miami, carreira que finalizou no 1969.

Actriz e cantante

Tamén foi actriz e cantante, a súa faceta máis descoñecida.  Formou xunto a dúas azafatas do Un, Dos, Tres (María Durán e Beatriz Escudeiro) o trío musical Acuario, con éxitos como Rema, rema, marinero.

No 1977 emprendeu a súa carreira en solitario e publicou o LP Una dama (1978), producido por Ramón Arcusa (Dúo Dinámico).

O actor arxentino Alberto Berco, vinte anos maior ca ela, foi o grande amor da súa vida e o seu marido ata a súa morte, no 2021. Casaron no 1974 por poderes en Bolivia e, despois, polo civil, en Madrid, no 1987.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade