Publicador de contidos
Publicador de contidos

Morren 12 migrantes nun naufraxio ao tratar de cruzar o canal da Mancha

Morren 12 migrantes nun naufraxio ao tratar de cruzar o canal da Mancha

Dúas persoas están desaparecidas, máis de 50 foron rescatadas e varias quedaron feridas

Imaxe dunha embarcación de migrantes no canal da Mancha o 6 de agosto (Reuters) Imaxe dunha embarcación de migrantes no canal da Mancha o 6 de agosto (Reuters)
G24.gal 03/09/2024 15:56

Polo menos doce persoas morreron ao naufragar a embarcación en que trataban de cruzar de maneira irregular o canal da Mancha desde Francia cara ao Reino Unido, anunciou o ministro do Interior en funcións, Gérald Darmanin.

Outras dúas persoas están desaparecidas e varias máis resultaron feridas, engadiu Darmanin nunha mensaxe en X, na que sinalou que "foron mobilizados todos os servizos do Estado para atopar os desaparecidos e atender as vítimas" e que el se dirixe xa á zona.

O sinistro tivo lugar na zona do Boulonnais, no departamento de Pas-de-Calais (norte de Francia). Medios da zona apuntan que habería tamén varios feridos graves.

A Prefectura Marítima da Mancha e do Mar do Norte detallou nun comunicado que dez medios navais e aéreos foron enviados tras recibirse unha alerta de que había unha embarcación de migrantes en dificultades.

"Máis de cincuenta persoas foron rescatadas. Varias delas necesitaron asistencia médica de urxencia" e as operacións de procura e salvamento "seguen en curso", engadiu a nota.

Tamén agregou que se instalou un posto médico de urxencia en Boulogne sur Mer para atender ás vítimas.

Este sinistro é o máis mortífero no que vai de ano entre os migrantes que tentan chegar por mar ás costas británicas desde Francia.

O canal da Mancha é un dos sectores marítimos máis activos do mundo, cuns 600 buques comerciais circulando cada día, nunha zona onde as condicións meteorolóxicas son a miúdo difíciles, con fortes ventos que o fan especialmente perigoso mesmo cando en aparencia as augas están calmas

O ano pasado, un total de 29.437 persoas chegaron a territorio británico tras cruzar irregularmente a canle, un 36 % menos que o récord de 45.774 de 2022, segundo as cifras oficiais británicas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade