Morren 40 persoas e outras 130 quedan feridas nun atentado en Paquistán
Morren 40 persoas e outras 130 quedan feridas nun atentado en Paquistán
Polo momento, non reivindicou o ataque ningún grupo insurxente
Un atentado suicida durante unha concorrida reunión do partido relixioso Jamiat Ulema-i-Islam (JUI-F) paquistaní deixa polo menos 40 persoas mortas e 130 feridas.
O ataque tivo lugar este domingo na cidade de Khar, na provincia norteña de Khyber Pakhtunkhwa. Polo momento, non reivindicou o ataque ningún grupo insurxente.
Paquistán experimentou un aumento da violencia armada desde a chegada ao poder en Cabul dos talibáns afgáns, en agosto de 2021, que reactivou os ataques dos seus irmáns ideolóxicos neste país, sobre todo nas provincias fronteirizas.
O principal grupo, o Tehreek-e-Taliban Paquistán (TTP), anunciou o pasado decembro a fin do cesamento do fogo alcanzado con Islamabad, ao que acusa de incumprir os seus compromisos nunhas negociacións de paz.
O país foi testemuña de 271 ataques de militantes durante a primeira metade do ano, 120 máis ca no 2022, nos que 389 persoas faleceron e outras 656 quedaron feridas, segundo un informe publicado en xullo polo Instituto de Estudos de Seguridade e Conflitos de Paquistán.