Netanyahu acusa os cascos azuis de seren "escudos humanos" de Hezbollah
Netanyahu acusa os cascos azuis de seren "escudos humanos" de Hezbollah
O primeiro ministro israelí di que a negativa de "evacuar os soldados da FINUL convérteos en reféns" do grupo xiíta
O primeiro ministro israelí, Benjamín Netanyahu, acusou as tropas da misión da ONU no sur do Líbano (FINUL) de seren "escudos humanos" do grupo xiíta Hezbollah, despois de que cinco cascos azuis resultaran feridos por fogo israelí nos últimos tres días.
A negativa de "evacuar os soldados da FINUL convérteos en reféns de Hezbollah. Isto pon en perigo as súas vidas e as dos nosos soldados", dixo o mandatario nunha mensaxe en vídeo.
Na súa alocución, dirixida directamente ao secretario xeral da ONU, António Guterres (que non ten xurisdición sobre a FINUL xa que a misión depende do Consello de Seguridade), Netanyahu asegurou que Israel solicitou a retirada dos cascos azuis en varias ocasións.
"Recibimos repetidas negativas, todas dirixidas a proporcionarlle escudos humanos aos terroristas de Hizbulá", dixo o mandatario, unha frase que utiliza tamén para referirse á poboación de Gaza ou do Líbano, sempre que o Exército israelí ataca infraestrutura civil.
Os cascos azuis atópanse no Líbano de conformidade coa resolución 1701 do Consello de Seguridade da ONU, que puxo fin á guerra de 2006 entre Israel e Hezbollah.
Cinco soldados feridos
Nos últimos días, a FINUL denunciou que cinco dos seus soldados resultaron feridos en incidentes atribuídos a Israel no sur do Líbano, onde loita contra o grupo libanés dende hai case dúas semanas.
Netanyahu dixo que Israel fai "todo o posible" por evitar o dano aos cascos azuis, pero que a mellor maneira de previr estes incidentes é sacalos fóra do territorio, para o que faría falta unha decisión do Consello de Seguridade.
Desde fai tres semanas Israel leva a cabo unha campaña de intensos bombardeos contra Beirut, o sur e o leste do Líbano, que provocou a morte de máis dun milleiro de persoas.
Este sábado, o secretario de Defensa dos Estados Unidos, Lloyd Austin, pediulle ao seu homólogo israelí, Yoav Gallant, que garanta a seguridade dos cascos azuis e das Forzas Armadas libanesas.