Publicador de contidos
Publicador de contidos

Netanyahu avanza máis ataques contra Hezbollah malia os chamamentos da ONU a evitar unha escalada bélica no Líbano

Netanyahu avanza máis ataques contra Hezbollah malia os chamamentos da ONU a evitar unha escalada bélica no Líbano

Netanyahu: "Seguiremos golpeando a Hezbollah (...) Quen teña un mísil no seu salón e un foguete no seu garaxe quedará sen casa"

Biden avoga pola vía diplomática para evitar que o conflito se dirixa a "unha guerra a grande escala"

Os bombardeos de Israel no Líbano deixan xa 558 mortos, entre eles 50 nenos

O fume no sur do Líbano no medio do conflito entre Israel e Hezbollah (Reuters)
G24.gal 24/09/2024 17:24 Última actualización 24/09/2024 21:31

O primeiro ministro israelí Benjamin Netanyahu asegurou este martes que Israel seguirá atacando o grupo xiíta Hezbollah. Anunciouno pouco despois de Antonio Guterres, secretario xeral da ONU, proclamar que o mundo tal e como está é "insostible" e lamentar a problemática actual coas guerras, criticando tacitamente a Israel.

"Seguiremos golpeando a Hezbollah. E dígolle á xente do Líbano: a nosa guerra non é contra vós, é contra Hezbollah (...) Díxenvos onte que evacuásedes as casas onde meteu un mísil no salón e un foguete no garaxe. Quen teña un mísil no seu salón e un foguete no seu garaxe quedará sen casa", dixo o mandatario nunha mensaxe en vídeo tras visitar unha base da intelixencia militar.

Estas declaracións de Netanyahu chegan no segundo día dunha intensa campaña de bombardeos israelís no sur e o leste do Líbano, que xa custaron a vida de polo menos 558 persoas. Son ataques contra o que, segundo Israel, son municións e armamento que o grupo xiíta, aliado de Irán, esconde en zonas civís para atacar territorio israelí.

As súas palabras xa provocaron un éxodo masivo cara ao norte do país, milleiros de desprazados que están sendo acollidos en escolas e refuxios improvisados.

Hezbollah respondeu á ofensiva con máis dun cento de foguetes: un deles feriu un mozo en Haifa, pero a maioría foron interceptados polas defensas israelís.

Guterres lamenta a "impunidade" que teñen os países para "devastar sociedades"

Na apertura da semana de Alto Nivel de Nacións Unidas, Guterres proclamou: "Non podemos seguir así". Sinalou os tres grandes males que afectan ao mundo: a impunidade, que se repite en todos os grandes conflitos actuais —no Líbano, Gaza, Ucraína ou Sudán—; a desigualdade, que se agrava cada vez máis entre os países e dentro das fronteiras destes, e a incerteza que xeran o cambio climático e unha intelixencia artificial descontrolada.

Sobre a impunidade, a cuestión que alude ao conflito entre Israel e Hezbollah, o secretario xeral lamentou que un número crecente de países sintan que poden violar a carta da ONU e as leis internacionais humanitarias, "invadir outro país, devastar sociedades enteiras ou ignorar olimpicamente o benestar da súa propia poboación".

Dixo que esta actitude prepotente se atopa en Oriente Medio, no corazón de Europa e no Corno de África, e detívose especialmente en Gaza, onde a guerra xa vai cumprir un ano cun saldo devastador de 41.300 mortos palestinos. Aí lanzou unha pregunta a Israel (sen nomealo) e á comunidade internacional sobre o futuro despois da guerra.

"Como pode aceptar o mundo o futuro dun Estado (Israel) que inclúe un gran número de palestinos sen ningunha liberdade, dereitos nin dignidade?", exclamou. E cultivou unha salva de aplausos cando lembrou que "nada pode xustificar o castigo colectivo en Gaza".

E se no pasado, durante a Guerra Fría, había liñas vermellas: "Un sente que non existen hoxe, nin tampouco temos un mundo unipolar". Definiu o mundo actual como unha especie de purgatorio onde cada vez máis países enchen os espazos da división xeopolítica e fan o que queren sen rendición de contas.

Pola súa banda, o xefe da diplomacia europea Josep Borrell alertaba de que o peor escenario se está materializando: "Estamos case ante unha guerra aberta".

Biden avoga pola vía diplomática fronte a unha "guerra a grande escala" no Líbano

O presidente dos Estados Unidos Joe Biden afirmou este martes que unha "guerra a grande escala" entre o Líbano e Israel "non beneficia a ninguén" e pediu dar unha oportunidade á diplomacia.

"Aínda que se agravou a situación, aínda é posible unha solución diplomática", manifestou no seu último discurso ante a Asemblea Xeral da ONU como presidente.

Biden argumentou que a diplomacia segue sendo o "único camiño" para lograr unha situación de seguridade "duradeira" que permita a quen reside na fronteira entre o Líbano e Israel volver aos seus fogares, tras ter que fuxir pola violencia dos últimos meses.

"Estamos a traballar de maneira incansable para logralo", afirmou o presidente dos Estados Unidos.

Un dos puntos quentes dos bombardeos é a zona de Marjayoun, onde están despregados os cascos azuis españois. Permanecen acuartelados e o Goberno xa ten preparada a súa evacuación en caso de que os enfrontamentos vaian a máis.

Pilar Alegría, voceira do Goberno, explicou: "O ministro de Exteriores vai ter unha reunión co secretario xeral adxunto de Nacións Unidas, que é o encargado da misión de paz no Líbano para analizar a situación actual".

O Ministerio de Saúde libanés informou de que entre as vítimas destes dous días de bombardeos hai cincuenta nenos, o dobre dos falecidos nos últimos once meses de enfrontamentos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade