Publicador de contidos
Publicador de contidos

Netanyahu di que a tregua sería temporal para a liberación de reféns

Netanyahu di que a tregua sería temporal para a liberación de reféns

O primeiro ministro israelí contradí o anuncio do presidente Biden

G24.gal 03/06/2024 16:02 Última actualización 03/06/2024 16:19

O primeiro ministro israelí, Benjamin Netanyahu, dixo este luns que existen "lagoas" entre a proposta israelí e a versión anunciada polo presidente estadounidense, Joe Biden, o venres e reiterou que a tregua sería temporal pero non supoñería o fin da guerra.

"A afirmación de que acordamos un cesamento do fogo sen que se cumprisen as nosas condicións non é certa. (...) A proposta que presentou Biden está incompleta”, afirmou este luns Netanyahu ante o Comité de Defensa e Asuntos Exteriores da Knéset (Parlamento israelí).

"A guerra deterase para recuperar os reféns e despois manteremos conversacións. Hai detalles que o presidente estadounidense non presentou ao público", agregou ante o comité parlamentario, ao que puxo ao día sobre a operación militar en Rafah, o control do corredor Philadelphia (fronteira Gaza-Exipto), e as negociacións.

As súas palabras contradín o anuncio de Biden.

Segundo o presidente dos Estados Unidos, tras unha primeira fase de seis semanas nas que as tropas israelís abandonarían as áreas poboadas da Franxa e serían liberados mulleres, anciáns e feridos, comezaría unha segunda fase que incluiría "o final permanente das hostilidades" e a liberación do resto de reféns, incluídos soldados.

Pero segundo Biden, esta segunda fase requirirá dun diálogo intenso, xa que aínda se descoñecen os detalles. Os líderes de Hamas criticaron a proposta por considerala ambigua e sen un sólido compromiso dos Estados Unidos de que a guerra non se reiniciará.

Despois da súa intervención no comité parlamentario de Defensa e Exteriores, Netanyahu publicou unha videomensaxe difundida nas súas redes sociais na que asegura que o goberno está a traballar "de innumerables maneiras para devolver aos nosos secuestrados".

"Penso neles todo o tempo. Polas súas familias, polo seu sufrimento. Por iso fixemos un longo camiño para recuperalos, pero no proceso desta acción mantivemos os obxectivos da guerra, o principal deles a eliminación de Hamas", asegura no vídeo.

Netanyahu asegurou que no esquema de acordo que pactaron cos Estados Unidos non é incompatible con ese obxectivo de destruír a Hamas.

"É parte do esquema, non é algo que estou a dicir agora polas presións dentro da coalición, é algo que acordamos unanimemente no gabinete de guerra", indicou en referencia ás ameazas dos seus socios da extrema dereita de abandonar o Executivo se se sela ese acordo que consideran unha rendición ante Hamas.

Mentres continúan as negociacións, polo menos 40 palestinos morreron na Franxa nas últimas 24 horas, o que xa rolda a cifra total dos 36.480 -a maioría deles mulleres e nenos- en case 8 meses de conflito. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade